15 anos de existencia celebra este luns o Consello Municipal da Mullercomo organismo que loita pola igualdade real, a inclusión e contra a violencia de xénero. A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, presidía a sesión deste Consello que se desenvolvía no Salón de Plenos da Corporación.
Representantes do Centro de Información á Muller (CIM) de Marín, do departamento de Servizos Sociais, dos grupos que integran a corporación e das asociacións de mulleres ou con vogalía de muller acudían a esta cita na que se fixo balance das actividades que este Consello realiza desde que foi aprobado en Pleno no ano 2006.
Coa intención de dar visibilidade ao organismo, a intención é realizar unha exposición en diversos formatos con fotografías que se verán en puntos céntricos da vila como a Praza 8 de Marzo, o Palco da Música, a Praza da Capirota, o Museo Manuel Torres ou a Finca de Briz. Con esta proposta quérese ofrecer a través de material gráfico a evolución do Consello da Muller ao longo dos anos para coñecemento da cidadanía.
A proposta da concelleira é que este material se atope preparado para o inicio do curso académico para que tamén poida percorrer os centros educativos como actividade de formación dentro das iniciativas do 25 de novembro. A idea tamén se realizaría en formato dixital a través das redes sociais para achegarse á mocidade.
De fronte ao futuro, o Consello quere que exista unha maior participación entre diversos sectores sociais e por iso queren dar protagonismo aos centros educativos para que participen, do mesmo xeito que se quere integrar á poboación masculina para traballar de maneira común todos os temas relacionados coa igualdade.
A sesión tamén condenou os últimos asasinatos machistas que se rexistraron e a violencia vicaria que golpea á sociedade. Desde o Consello Municipal da Muller insisten na gravidade destes problemas e na necesidade de abordalos para erradicalos.