O Consello Económico e Social busca fórmulas de creación de emprego e volverá a reunirse en abril

Pontevedra
11 de decembro 2013

O alcalde de Pontevedra presentou os asistentes unha memoria na que se realizan críticas á xestión económica da Xunta de Galicia e do Goberno central, ademais de resaltar os beneficios do modelo de cidade

Xuntanza do Consello Económico e Social
Xuntanza do Consello Económico e Social / Mónica Patxot

O Consello Económico e Social (CES) volveu reunirse, case dous anos despois da última vez, para analizar os orzamentos para 2014. Pero a xuntanza centrouse, sobre todo, nas cifras de paro e estableceuse unha data para que este consello consultivo volva reunirse na última semana do mes de abril con propostas do traballo que se debe desenvolver para reducir o desemprego no Concello.

Presidido polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o CES analizou, entre outros datos, a afiliación á Seguridade Social, a actividade económica de empresas de Pontevedra ou a evolución do paro en Pontevedra durante os últimos tres anos. Se en 2010 a cifra se situaba en 7.575 desempregados, en novembro de 2013 alcanza os 8.705.

Os datos foron presentados polo concelleiro de Facenda, Raimundo González. Os sindicatos reclamaron intervencións directas sobre os tributos para atender a aquelas familias que carecen de ingresos, segundo manifestaba o secretario comarcal de UGT, Ramón Vidal. Dende CC.OO. reclamouse o rescate das concesións e o aproveitamento da Universidade para que asesore na creación de emprego.

Na xuntanza, os participantes recibiron os orzamentos para 2014 que, segundo Antonio Millares de CC.OO., "sirve para poco porque es un documento ya cerrado".

A continuación, Fernández Lores expuxo a memoria da Alcaldía na que se critican as políticas do Goberno central e da Xunta ás que se acusa de non xerar emprego. Nese documento destácase a evolución do modelo de cidade que, segundo a memoria do Alcalde, permite que as empresas se enfronten á crise con certa solidez, evitando que as súas consecuencias fosen máis crueis.

En canto aos ingresos, o Concello endebédase menos do que experimentou en 2012 cun incremento do 10% á partida de case 26 millóns de euros e en relación cos préstamos sitúase por debaixo dos 3 millóns de euros, un 14,4% menos que en 2012.

No estado de gastos, critícase o "tasazo" de Sogama e o alcalde apunta a que se baixou en intereses de 800.000 a 600.000 euros e a amortización de préstamos pasa de 3,7 a 3 millóns.

Os investimentos reais, segundo este documento trasladado aos integrantes do CES, ascenden a 8,3 millóns de euros sumando a transferencia de capital ao total dos investimentos. Dende o goberno local tamén se indica que se reforza o investimento nun 55% nas 15 parroquias e en Benestar Social.

O documento presentado ante o Consello Económico e Social recolle un balance satisfactorio nas relacións co Ministerio de Fomento aínda que critica o atraso das obras na A-57, a circunvalación de Pontevedra, coa conexion A-52. Neste sentido, Lores expuxo tamén que é necesaria a mellora da conexión entre a Ponte das correntes, a AP9 e a estrada de Vilagarcía. Ademais, reclama o traspaso do treito N-550 entre a Avenida de Bos Aires e a rotonda do campus, así como unha vía de mobilidade peonil entre Pontevedra e Marín.

Lores manifestou tamén o temor pola permanencia de Ence na ría e criticou o abandono da Xunta con numerosas obras que non asumiu como o centro lúdico da Parda, a ampliación de Montecelo, a escola de Hostalaría ou un novo colexio na zona este da cidade.

O alcalde, non obstante, si se mostrou satisfeito coa colaboración coa Deputación Provincial con proxectos como o do primeiro treito da rolda urbana que vertebra o leste da cidade entre a Cidade Infantil Príncipe Felipe e O Marco.

Nesta convocatoria encontrábanse citados os grupos municipais do PP, BNG e PSOE, a Universidade de Vigo, Novagalicia Banco, Aempe, a Federación de Cooperativas Sinerxia, os sindicatos CC.OO., UGT e CIG, a Federación de Veciños Castelao e a Cámara de Comercio. Non estivo presente ningún representante da Consellería de Economía e Industria, que fora invitada

Arquivado en