Desde o Consello de Colexios Médicos de Galicia aseguran estar a asistir "atónitos" á situación que se está vivindo nos Puntos de Atención Continuada (PAC) da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, nos que empeza a ser habitual non contar con médicos durante algunhas quendas deixando o servizo baixo a atención de persoal de enfermería, e a decisión da consellería de empezar a formar a este persoal de enfermería para actuar cando non haxa un facultativo no centro.
"Desde o punto de vista asistencial é unha temeridade que o persoal de enfermería asuma funcións médicas, cos efectos legais que diso poden derivarse a nivel de responsabilidade xurídica", avisa o Consello.
Ademais sinala que "dita medida non resulta axustada a dereito, por vulnerar diversas normas e ser contraria á xurisprudencia sobre a materia, ao concederse ao persoal de enfermería competencias que non están actualmente recollidas en ningunha norma vixente de rango legal, e que pertencen en exclusiva ao profesional médico".
Os colexios de médicos defenden que os equipos de atención primaria compostos por persoal médico e de enfermería foron a base do éxito da asistencia sanitaria durante anos e "separar a eses equipos supón unha clara diminución na calidade da atención aos pacientes".
Asegura o Consello de Colexios Médicos de Galicia ser coñecedor do problema existente pola falta de profesionais en determinadas especialidades, pero defende que non se deben tomar "atallos ilegais" para solucionalo.
Ante esta situación confirman ademais que "xa se presentaron demandas ante as autoridades xudiciais, para que estas decisións que non consideramos nin adecuadas nin legais, cheguen a implementarse".