O consello de administración da empresa Ence escolleu como presidente da compañía a Ignacio Colmenares, ata a data conselleiro delegado e vicepresidente da empresa. Pola súa parte, o presidente Juan Luis Arregui foi designado presidente de Honra e manterá unha participación activa na compañía desde o consello e a través da comisión executiva e a comisión de sostenibilidade, nas que figura como integrante.
A empresa explicou que a sucesión na presidencia de Ence se produce despois de 13 anos de mandato e unha vez que Arregui superou os 75 anos de idade. O empresario vasco mantén unha participación do 29% no accionariado.
Pola súa parte, Ignacio Colmenares foi durante os últimos nove anos primeiro executivo e nos últimos cinco vicepresidente do consello de administración de Ence. Arregui quixo con esta decisión recoñecer o "excelente" traballo de Colmenares á fronte de Ence que, segundo apuntou, fixo posible converter en realidade a visión de transformar a empresa nun líder en enerxía renovable en España, ademais de consolidar a Ence como referente en Europa no sector da celulosa. Colmenares será o encargado agora de facer fronte á difícil situación da fábrica na ría de Pontevedra ante a posición do goberno de Pedro Sánchez, que non é partidario da súa continuidade nos terreos de Lourizán.
Arregui afirma que é o momento de que Colmenares asuma a presidencia da empresa para liderar o "ilusionante futuro que temos por diante". Segundo a empresa, Arregui foi quen decidiu cambiar o proxecto de construción dunha fábrica de celulosa en Uruguai pola entrada da compañía Ence no sector da enerxía renovable con biomasa para aproveitar todas as posibilidades de xeración de enerxía das árbores. Durante a súa presidencia, Ence entrou no IBEX 35 a finais de 2018.
ASCENSO TAMÉN PARA CARLOS DEL ÁLAMO
O consello de administración tamén designaba a Carlos del Álamo, ex conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, como novo conselleiro coordinador no organigrama da entidade pasteira.
Del Álamo ocupou o cargo de director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural da Xunta de Galicia entre 1990 e 1996. No 96 pasou a oucpar o posto de director xeral de Conservación da Natureza do Ministerio de Medio Ambiente, ademais de vicepresidente do Organismo Autónomo de Parques Nacionais.
Un ano máis tarde, Manuel Fraga convertíao en conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, cargo que ocupou ata 2003 tras enfrontarse á xestión da catástrofe ambiental do Prestige. Despois presidiu o patronato do Parque Nacional das Illas Atlánticas e en 2009 fichaba, a proposta do propio Juan Luis Arregui como conselleiro independente da compañía pasteira.