O Consello da Xunta aprobou este xoves o investimento de máis de 3 millóns de euros para a explotación da estación depuradora de augas residuais dos Praceres, por parte da Xunta.
Coa autorización de hoxe, a Xunta prorroga durante o vindeiro ano a xestión e explotación desta infraestrutura hidráulica que dá servizo aos concellos de Pontevedra, Marín e Poio.
O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, presta o servizo de depuración da rede conectada a esta depuradora desde o 2007 mediante dous contratos, un para a explotación das instalacións orixinais e outro para a explotación da ampliación executada en 2005.
Neste sentido, cómpre lembrar que o Concello de Pontevedra é o único de todas as grandes cidades galegas que non asume a explotación da súa depuradora. A Xunta fíxose cargo en 2007 da xestión da planta, o que supón uns custos de explotación acumulados de 38 millóns de euros.
A Xunta está a mobilizar actualmente un investimento de máis de 30 millóns de euros nas obras de mellora da depuradora dos Praceres e no impulso da construción do novo emisario submarino, de 3,6 km de lonxitude, que permitirá unha mellor devolución das augas limpas á ría.
Ademais, a Xunta ten identificado 10 novas actuacións para avanzar no saneamento da ría de Pontevedra nas que investirá 15 millóns de euros, para mellorar a rede de saneamento e axudar aos concellos nun mellor desenvolvemento das súas competencias. Os concellos deben colaborar para facilitar a execución de todas as actuacións necesarias e contribuír de xeito conxunto á mellora do marisqueo, da acuicultura, da pesca, do turismo e da calidade de vida dos veciños desta área.