Rosalía Outón Vázquez, veciña de Raxó de 101 anos; Elena Padín Gómez, veciña de Samieira; Marina Buceta Alonso, de Combarro; Jesusa Pazos Carballa, de San Xoán e Peregrina Nores Fernández, de San Salvador son as cinco mulleres que o próximo 8 de marzo recibirán a homenaxe do Concello de Poio con motivo do Día Internacional da Muller.
Estes nomes foron os resultantes da reunión mantida por representantes dos colectivos que conforman o Consello Municipal da Muller. Está integrado por concelleiras das tres formacións políticas do Concello e de dez colectivos veciñais e de mulleres de Poio.
Todas elas serán recoñecidas pola súa traxectoria persoal, social e laboral, como exemplo da participación das mulleres na sociedade. A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, apuntaba que "en Poio temos moitas mulleres que son exemplo de forza, de empuxe, de constancia e que teñen detrás unha gran historia de vida".
Esa homenaxe desenvolverase o mesmo 8 de marzo enmarcado nos actos conmemorativos do 8M que o Concello de Poio está a ultimar e que segundo esta administración local, darase a coñecer en breve. Desde o departamento de Benestar e Igualdade avánzase que o programa aposta por chegar a todas as idades e como primeiro obxectivo espertar conciencia, acabar con estereotipos e fomentar a igualdade entre as xeracións máis novas.