O conselleiro de Sanidade anunciou que a próxima semana manterá un encontro co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para tratar o futuro hospitalario do Concello. Jesús Vázquez Almuíña, na súa visita ao Centro de Saúde da Parda onde inaugurou unha exposición sobre os 25 anos de historia do Complexo Hospitalario de Pontevedra, sinalou que a consellería non abandona a idea da construción dun novo hospital en Monte Carrasco pero indica que busca unha fórmula de consenso despois de comprobar nunha roda de conversacións, mantida cando foi nomeado conselleiro, que había sectores que "non estaban dacordo con este proxecto".
Agora, o conselleiro anuncia que co alcalde iniciará unha segunda rolda de contactos con profesionais, representantes veciñais e sindicais, para no prazo dun mes presentar desde a Xunta de Galicia un proxecto de futuro hospitalario para a área sanitaria de Pontevedra que sexa de consenso. "Monte Carrasco é unha acción adoitada que temos aí, imos plantexar un modelo alternativo e, despois destas consultas, se obtemos un consenso podemos valoralo" afirmou Vázquez Almuíña.
Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra que tamén asistiu a esta inauguración criticou o triunfalismo mostrado polo conselleiro e polo xerente do Complexo Hospitalario, José Manuel González, durante os seus discursos. Fernández Lores sinala que desde 2008 non se realizaron melloras sanitarias en Pontevedra e que espera que se realicen investimentos públicos en Pontevedra para que sexa unha área de referencia para atender a preto de 300.000 habitantes.
Para esa reunión sinalou queinsistirá ao conselleiro en que se invista no Hospital Montecelo como hospital único, ampliando as instalacións e que o investimento sexa pública e non de carácter privado, como Fernández Lores entende que se pretendía facer en Monte Carrasco.
CENTRO DE SAÚDE DE MARÍN
Vázquez Almuíña anunciou que a mediados de maio vai abrirse o servizo de Urxencias no novo Centro de Saúde de Marín. O conselleiro afirmou que en xuño se espera que poida inaugurarse este novo espazo tan demandado na vila e ofrecerá máis servizos aos veciños cunhas intalaciones, engadiu, similares ás do centro da Parda.
EXPOSICIÓN
Precisamente o Centro de Saúde da Parda recolle durante estes días a exposición conmemorativa do 25 aniversario do SERGAS onde destacou os premios obtidos polo Complexo Hospitalario de Pontevedra. O conselleiro fixo referencia á ampliación do Hospital do Salnés e destacou que a posta en funcionamento do Servizo Galego de Saúde logrou establecer un sistema sanitario á altura dos mellores do mundo.
Pola súa banda, o xerente do CHOP, José Manuel González, destacou que os hospitais pontevedreses convertéronse en referencia en canto ao sistema de documentación clínica informatizada despois da catástrofe que supuxo o incendio en 2004 da nave onde se almacenaban as historias clínicas da pacientes da área sanitaria norte.