O Parlamento de Galicia acolleu este mércores un intenso debate sobre a continuidade da factoría de Ence en Lourizán, no que o PP e, polo tanto, a Xunta, defendeu que o seu traslado e "inviable" mentres que os partidos da oposición como o BNG defenderon que é a única opción posible.
Este debate chega mentres Ence está pendente da decisión da Audiencia Nacional sobre a súa prórroga para continuar na Ría de Pontevedra, que foi recorrida polo Concello de Pontevedra, a APDR e Greenpeace, poucos días despois de que a propia empresa alegara que hai un estudo que descarta a viabilidade do traslado.
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, respondeu a unha pregunta no Parlamento e sostivo que a proposta de buscar unha ubicación alternativa á fábrica é inviable porque resulta imposible replicar a mesma tecnoloxía noutro lugar de Galicia, tal e como manifestou a empresa.
Ante esta situación, Conde defendeu a súa continuidade no emprazamento actual por ser a única opción para garantir o mantemento da actividade e o emprego. Destacou que do futuro de Ence dependen case 250 empresas de Pontevedra e boa parte dun sector estratéxico para Galicia como é o forestal.
Ademais, o conselleiro asegurou que, en aplicación da legalidade vixente, os datos obxectivos e técnicos reflicten que a factoría de Lourizán é unha industria segura para o medio ambiente e para as persoas.
Segundo dixo, a Xunta está a velar polo escrupuloso cumprimento dos requirimentos ambientais que establece a lexislación e polo cumprimento da Autorización Ambiental Integrada, outorgada polo bipartito en 2008. E a factoría de Lourizán está sometida á subministración de información periódica sobre o cumprimento destes parámetros e a un estrito réxime de inspeccións periódicas.
Fronte ao que sostén Conde, o deputado do BNG por Pontevedra, Luís Bará, defendeu o traslado e instou ao Goberno do PP a "liderar" esa operación poñéndose do lado do interese xeral en lugar de seguir actuando como representante de Ence.
Bará considera que esta operación debe facerse dialogando con todas as partes e que debe servir para poñer en marcha un novo e ambicioso proxecto industrial, tamén con participación pública e non só para beneficio privado. A súa proposta é "non limitarse ao traslado senón aproveitalo para poñer en marcha un proxecto industrial máis ambicioso que inclúa o peche de ciclo produtivo, cunha fábrica de papel e a produción de novos materiais apostando pola I+D+i".
O nacionalista fala de aproveitar os fondos europeos de recuperación Next Generation, e abrir así unha gran oportunidade de futuro tanto para a Ría de Pontevedra como para o sector forestal galego.
Ademais, instou ao conselleiro de Economía, Francisco Conde, a superar "o tempo das portas xiratorias" para dar paso a un tempo novo, "un xiro histórico" poñéndose do lado de Galicia ante unha das mais importantes decisións política, económica e ambiental. "Estamos ante unha decisión transcendental, atrévanse a tomala con valentía, con audacia e a favor do interese xeral do país e deixen de mirar para unha Ence que conta co superpoder do diñeiro e do IBEX 35", dixo a Conde.