O conselleiro anuncia que este mes de setembro volverá ocuparse a praza de pediatría de Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade
11 de setembro 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, insistiu en que "non hai médicos dispoñibles" para cubrir as vacacións dos profesionais de medicina de familia e atención primaria "nin en Galicia nin en Cataluña nin en Castela-A Mancha"

Centro de saúde de Cerdedo
Centro de saúde de Cerdedo / Concello de Cerdedo-Cotobade

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, adiantou este mércores no Parlamento de Galicia que neste mesmo mes de setembro a praza titular de pediatría do concello de Cerdedo-Cotobade volverá estar ocupada.

Gómez Caamaño insistiu en que "non hai médicos dispoñibles" para cubrir as vacacións dos profesionais de medicina de familia e atención primaria "nin en Galicia nin en Cataluña nin en Castela-A Mancha".

Malia todo, incidiu en que "as nenas e nenos de Cerdedo-Cotobade tiveron asistencia pediátrica sempre".

En canto ás consultas de primaria, o conselleiro indicou que en todos os cupos dos centros de saúde de Cerdedo, de Carballedo e o consultorio de Tenorio, a demora para obter consulta co médico de familia é inferior aos dous días.

Durante a súa intervención no Pazo do Hórreo, o máximo responsable da Sanidade galega puxo en valor a reorganización asistencial realizada polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) durante o verán para facer compatible a prestación sanitaria cos dereitos laborais do persoal como son as vacacións.

Gómez Caamaño explicou que este verán o Sergas atendeu 345.261 consultas de pediatría en atención primaria, superando as cifras do ano pasado.

Este verán traballaron na sanidade pública unha media diaria de 48.000 profesionais, "é dicir, 1.500 máis que en 2023". Aumentaron un 8 % as asistencias nos Puntos de atención continuada con respecto ao ano anterior, e un 6 % as urxencias atendidas nos hospitais.

Ademais, mantivéronse os niveis habituais no número de consultas e probas diagnósticas e os profesionais do 061 atenderon case 210.000 chamadas (5.000 máis que o pasado ano) e o 90 % delas en menos de 10 segundos.

E referíndose ao grupo parlamentario do PsdeG o conselleiro dixo que "a súa insistencia en desprestixiar a calidade da asistencia sanitaria galega  atenta contra o esforzo e a entrega extraordinaria dos profesionais que coidaron a saúde dos galegos durante o verán", concluíu o titular da carteira sanitaria.

Durante o Pleno do Parlamento, a deputada socialista Paloma Castro afirmou que "xa sabemos que a Atención Primaria non lle gusta nin ao conselleiro de Sanidade nin a Rueda, e esta é outra mostra máis do seu desprezo cara aos servizos básicos de saúde. Os nenos de Cerdedo-Cotobade non poden enfermar en agosto porque a Xunta decidiu non cubrir as vacacións da pediatra".

A deputada presentou varias iniciativas parlamentarias esixindo ao goberno galego que garanta a cobertura do persoal sanitario en Cerdedo-Cotobade e que dote ao PAC dunha ambulancia que permita atender as urxencias graves e trasladalas ao Hospital de Montecelo.

A deputada insistiu en que "o que queremos, señor conselleiro, é que non existan en Galicia cidadáns de primeira e de segunda, que todos conten cos mesmos dereitos, e o de atención sanitaria é un dos prioritarios".