O Congreso dos Deputados aprobou este mércores a proposición non de lei presentada por En Marea para instar ao Goberno a anular "inmediatamente" a prórroga concedida a Ence en funcións e que lle permite continuar coa súa actividade en Lourizán ata o ano 2073. Todos os partidos votaron a favor desta iniciativa, excepto Ciudadanos que se abstivo e os quince deputados do PP que votaron en contra desta medida.
Agora, será o propio Goberno o que decida se cumpre este acordo do Congreso ou desobedece á maioría parlamentaria
A proposición, debatida na Comisión de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, obtivo o respaldo dos 23 deputados de PSOE, Podemos e as súas confluencias, PNV, Esquerra Republicana de Catalunya, Democràcia i Llibertad -a marca de CIU- e o grupo mixto.
O deputado de En Marea, Antón Gómez-Reino, foi o encargado de defender esta iniciativa na Cámara Baixa e lamentou que o Goberno en funcións non tivese a "decencia" de someter un asunto de "tal transcendencia" a ningún dos órganos do Congreso.
Gomez-Reino sinalou que Ence é unha fábrica coñecida polos seus "efectos contaminantes" e polo seu "hedor", polo que reiterou que é "perjudicial" para o medio ambiente e para as persoas e que os seus efectos sobre a saúde dos pontevedreses están "sobradamente comprobados".
Ademais, apuntou que a presenza da fábrica na ría "perjudica la proyección exterior de la ciudad" coas perdas económicas que iso supón, que provocou o "monocultivo" de eucalipto en Galicia, que consome máis auga que toda a cidadanía da ría de Pontevedra, que apenas constitúe o 1,1% do emprego na cidade e que non xera riqueza fiscal, ao estar domiciliada en Madrid.
"Galicia no se vende. No se vende, señor Feijóo. No se vende, señor Rajoy. O seu lixo mellor fóra das nosas rías", concluíu.
A defensa desta proposición, na que o PSOE incluíu deixar sen efecto as últimas modificacións feitas na Lei de Costas, foi apoiada tamén Guillermo Meijón. O deputado socialista lembrou que a localización de Ence na ría de Pontevedra como un "erro histórico" do franquismo", que supuxo un "auténtico mazazo" para os pontevedreses e para a biodiversidade de toda esta zona.
"Ence está aprovechando la crisis para perpetuarse en la ría, pero la dignidad de Pontevedra no está en venta", engadiu Meijón, que incidiu en que a empresa "solo está interesada en hacer negocio, no en crear empleo". A pesar de todo, mostrou a disposición do seu partido para buscar alternativas para a continuidade da actividade industrial fóra do emprazamento actual "y si es posible" na comarca de Pontevedra.
Pola súa banda, a deputada do PP, María Teresa de Lara, lembrou que a última autorización ambiental a Ence foi concedida en 2008 por unha Xunta de Galicia que estaba presidida polo PSOE, que estimou que a actividade da papeleira "cumplía la legislación ambiental europea, española y gallega". Ademais, engadiu que a UE recoñeceu recentemente "la gestión y el compromiso" da empresa co medio ambiente.