O congreso 'A diversidade sexual e de xénero nas aulas' reunirá a 250 persoas en Pontevedra

Pontevedra
29 de xaneiro 2020

O congreso abrirá o calendario de actividades formativas e educativas do programa municipal Pinto e Maragota para 2020. A concelleira de Igualdade, Paloma Castro, impulsora da iniciativa, será a encargada de abrir a xornada formativa cunha presentación titulada 'Deixar de mirar cara outro lado. A diversidade nas aulas existe'

Presentación das actividades do programa Pinto e Maragota
Presentación das actividades do programa Pinto e Maragota / Cristina Saiz

A segunda edición do congreso 'A diversidade sexual e de xénero nas aulas. Materia pendente?' reunirá este sábado 1 de febreiro no auditorio do Pazo da Cultura a un total de 250 persoas. 

O congreso abrirá o calendario de actividades formativas e educativas do programa municipal Pinto e Maragota para 2020.

A concelleira de Igualdade, Paloma Castro, será a encargada de abrir a xornada formativa coa presentación 'Deixar de mirar cara outro lado. A diversidade nas aulas existe', na que exporá o informe de resultados da enquisa que a súa concellería levou a cabo nos centros de ensino secundario e FP da cidade.

A partir das 10.30 horas, tomarán o turno de palabra a pediatra Inés del Río, coa ponencia 'Diversidade sexual e de xénero na infancia e na adolescencia: Unha ollada ética', e a licenciada en Dereito e activista trans Ada Otero, que falará sobre 'A legalidade LGTB'.

A quenda da mañá pechará cunha mesa redonda en torno aos casos de éxito no tratamento da realidade LGTBI nas aulas, coa participación da Rede Educativa de Apoio LGTB e os IES As Barxas (Moaña) e Frei Martín Sarmiento (Pontevedra). 

Pola tarde, a partir das 16.00 horas, proxectarase o documental dirixido por Bea V. Campaña e producido por Fernando Rodríguez 'Noite irisada', sobre a loita do colectivo LGTB en Galicia.

A partir das 17.15 horas, Laura Bugalho, Marcos Ceive e Rihanna Currás protagonizarán outra mesa redonda baixo o título 'Contra a desmemoria: tres xeracións de activismo trans'.

O cantautor Viruta porá  broche de ouro á xornada coa charla concerto 'Normal é un programa da lavadora'.