O condutor do autobús accidentado en Cerdedo recibe a alta hospitalaria

Cerdedo-Cotobade
26 de decembro 2023

A outra sobrevivente, unha muller de 49 anos veciña de Ponteareas, tamén requiriu de atención hospitalaria. No seu caso, foi conducida ao Hospital Montecelo de Pontevedra. Esta muller atópase actualmente na UCI do hospital pontevedrés, pero está fóra de perigo

Autobús accidentado en Cerdedo
Autobús accidentado en Cerdedo / EFE / Lavandeira Jr.

O condutor do autobús que caeu ao río Lérez en Pedre (Cerdedo-Cotobade) a pasada Noiteboa recibiu a alta hospitalaria e continuará coa recuperación no seu domicilio.

Desde o día do accidente, este home de 63 anos estivo ingresado no Complexo Hospital Clínico Universitario de Santiago, onde foi atendido das feridas que presentaba, segundo transcendeu, todas elas de carácter leve.

A Garda Civil confirmou ademais que deu negativo nos test de alcol e drogas que se lle realizaron tras e accidente.

Ademais do condutor deste autocar, que cubría a liña Lugo-Vigo que explota a compañía Monbús, a outra sobrevivente, unha muller de 49 anos veciña de Ponteareas, tamén requiriu de atención hospitalaria.

No seu caso, foi conducida ao Hospital Montecelo de Pontevedra. Alí continúa ingresada, segundo explicou o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva.

Esta muller atópase actualmente na UCI do hospital pontevedrés, pero está fóra de perigo e non se teme pola súa vida. Ingresou con síntomas de hipotermia e presentaba varias fracturas e politraumatismos dos que se está recuperando.

Arquivado en