O coñecido como crime de Ponte Caldelas, polo que Marcos Vidal foi condenado a 18 anos e medio de cárcere por asasinar en novembro de 2015 ao marido da que foi a súa noiva, regresou este martes a un tribunal. En concreto, a causa revisouse no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para poder analizar os recursos presentados contra a sentenza ditada pola Audiencia Provincial de Pontevedra.
Un xurado popular declarouno o pasado outono culpable do asasinato de Manuel Rivas, marido de Sandra Martínez, unha muller coa que o acusado mantivera unha relación sentimental intermitente, e a Audiencia condenouno por un delito de asasinato con aleivosía e asañamiento, pero nin a acusación nin a defensa estaban de acordo con esa sentenza, de modo que todos recorreron e este martes celebrouse a vista de apelación.
O condenado, e autor confeso do crime, pediu, a través do seu avogado, que non se teña en conta a circunstancia agravante de aleivosía que lle aplicou a Audiencia, de modo que a pena imposta debería reducirse a 15 anos.
A Fiscalía, pola súa parte, pide que non se aplique a circunstancia atenuante de dilacións indebidas e, por tanto, que se amplíe condena ao acusado ata os 20 anos e un día. A esta petición sumouse a acusación particular, que exerce a familia do falecido, e non estivo presente na vista celebrada no TSXG na Coruña o avogado da viúva, que si compareceu na causa e no xuízo na Audiencia.
O avogado do acusado, o coruñés Diego Reboredo, explicou, en declaracións a PontevedraViva tras a vista, que non procede aplicar esa aleivosía porque o ataque non foi por sorpresa senón que a vítima mesmo estaba en aviso previo tal e como, segundo sostén, declarou no xuízo a súa viúva. O letrado engade que os forenses atoparon medidas de defensa e que quedou demostrado que tentou defenderse, outra cousa é que non o lograse.
Marcos Vidal asistiu á vista por videoconferencia desde a prisión de Teixeiro -non acudiu en persoas por prevención en plena pandemia do coronavirus- e quixo intervir ao final da sesión. Nunhas breves palabras deu a razón ao seu avogado en todas as súas afirmacións e explicou, en palabras de Reboredo, que "o ataque foi de pé", o condenado e o falecido estaban un fronte ao outro.
Vidal tamén quixo aproveitar estas palabras para lembrar que segue sendo un preso preventivo case 5 anos despois do crime, o que implica que non ten acceso a determinadas características da vida penal como o acceso a traballo, formación ou deportes, co cal "lle xera prexuízos". Pediu "que isto termine xa" e poida seguir coa súa vida en prisión.
O avogado da familia do falecido, Andrés Malvar, argumentou que "é moi evidente" que si que houbo aleivosía e "está moi claro cando o ataque foi por sorpresa e non se puido defender" e considera que non se pode aplicar a atenuante de dilacións indebidas. O xurado declarou probado que o ataque foi sorpresivo e inesperado, sen que o falecido tivese oportunidade de defenderse e que lle asestou máis puñaladas das necesarias para causar a morte coa finalidade de aumentar a dor de Manuel.
En declaracións a PontevedraViva tras a vista de apelación, Malvar destacou que a viúva do falecido non recorreu a sentenza nin tampouco se opuxo moito ao recurso presentado polo condenado, algo que "chama poderosamente a atención".
Desde o inicio deste procedemento, a familia do falecido puxo tamén o foco na propia viúva pola súa posible implicación no crime, aínda que tanto o xulgado instrutor como a Audiencia se manifesatron en contra. Tras o xuízo do pasado outono, reclamaron que se deducise testemuño pola súa posible participación nun delito de asasinato, ao considera que no xuízo demostrouse que puido ter certa participación nos feitos dos que Marcos foi declarado culpable.
Este avogado pediu ao tribunal da sección cuarta da Audiencia que reabrise a causa arquivada provisionalmente contra a viuva e, segundo relatou Andrés Malvar, esa petición foi admitida a trámite e agora están pendentes do informe do fiscal.