Xornada de reflexión e xornada de celebración de entroido é a que vivirase este sábado 17 na Lama, onde máis de mil persoas inscribíronse para participar no concurso e desfile de disfraces que comezará as cinco da tarde e percorrerá as principais rúas da vila. Un municipio que segue reivindicando ao seu paisano Manuel Barreiro Cabanelas, o Conde Cabanelas, quen emigrou a Brasil e alí impulsou o xa mítico entroido na rúa de Río de Janeiro.
Comparsas de diferentes localidades da provincia confirmaron un ano máis a súa participación: 100Tolos, Os Canecos, Os da Caña, As Flores do Carnaval, Os Paparrulos, As Sonecas, Os Miudos, Os Solfamidas e nesta edición súmanse Os Retrincos. Tamén haberá carrozas, disfraces individuais, de parellas e de grupos, sen faltar a participación infantil.
As comparsas repartiranse tres premios consistentes en trofeo e diploma acreditativo, sendo nomeada a que quede en primeiro lugar como 'Raíña do entroido'. Para grupos repartiranse seis premios, tres para os locais e outros tres para visitantes; dotados con 200, 150 e 100 euros. Na modalidade de individuais e parellas, tres premios de 75, 50 e 30 euros e un único premio para agrupación infantil, de 50 euros.
A organización poderá eliminar do concurso a calquera participante que non respecte o espírito do entroido, que atente contra dereitos humanos e non se permite desfilar con animais, utilizar material pirotécnico nin elementos que poidan resultar perigosos para o desenvolvemento do desfile ou para os espectadores do mesmo.