O Concurso de Murgas redúcese a dous días ao contar con só catro agrupacións inscritas

Pontevedra
26 de febreiro 2022

Así o confirmou este sábado o Concello de Pontevedra. Deste xeito a XXX edición do popular concurso de entroido pasará a contar cunha primeira xornada este luns 28 de febreiro e a gran final, que se mantén para o xoves día 3 de marzo no Pazo da Cultura

Gran final do concurso de Murgas 2019
Gran final do concurso de Murgas 2019 / Diego Torrado

Despois dun ano de silencio pola pandemia, a soa celebración do tradicional Concurso de Murgas é xa un éxito dentro da programación do Entroido, aínda que terá lugar cun formato máis reducido do habitual.

Pechado o período de inscrición con só catro agrupacións anotadas, o Concello de Pontevedra decidiu reducir de tres a dúas as xornadas de Murgas.

Desta forma a XXX edición do divertido certame pasará a contar cunha primeira xornada este luns 28 de febreiro e repetirá só o xoves 3 de marzo coa gran final, en ambos os dous casos a partir das 21.00 horas no Pazo da Cultura.

Segundo confirmou o Concello, a orde de actuación das dúas xornadas será o seguinte:

  • Luns 28 de febreiro: Val do Lérez - Murga do Naveiro. Sempre positivos nunca negativos - Los PTV - Equipo Ja.
  • Xoves 3 de marzo (final): Val do Lérez - Los PTV - Murga do Naveiro. Sempre positivos nunca negativos - Equipo Ja.


A entrada para presenciar o XXX Concurso de Murgas será como de costume de balde ata completar o aforo dispoñible no Pazo da Cultura.