A Deputación de Pontevedra empeza os trámites para lanzar "en dez ou quince días" un concurso internacional de proxectos para a rehabilitación do convento de Santa Clara, adquirido hai un ano polo Concello de Pontevedra e destinado a formar parte do Museo Provincial.
Segundo informou este venres en rolda de prensa o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, ábrese a posibilidade de que a rehabilitación do antigo cenobio acolla un "centro de eventos sociais", por exemplo un restaurante "asociado ao complexo museístico" que estaría "xestionado por privados" e coa condición de que "non afecte o uso público".
É unha "proposta aberta" para quen opte a deseñar a rehabilitación de Santa Clara. "Pode ser desde unha simple cafetería cunha sala de lectura a un restaurante ou algo un pouco máis grande", comentou o vicepresidente.
"Cremos que hai suficiente superficie sen comprometer para nada ao resto do funcionamento tanto de uso museístico como de uso público da horta", valorou.
Mosquera explicou que para o concurso de proxectos abrirase un período dun mes para que todos os estudos de arquitectura interesados presenten as súas portfolios, é dicir, unha especie de currículo cunha recompilación das súas mellores creacións como mostra da súa traxectoria e así persuadir ao xurado para que o seleccione.
"Haberá unha serie de criterios técnicos moi automáticos: de experiencia, tipo de intervencións que fixeron, etc." e de entre todos os presentados, na marxe dun mes, seleccionaranse cinco. "A idea é que veñan os estudos de arquitectura máis importantes do mundo" sinalou Mosquera.
Eses cinco seleccionados terán que elaborar un anteproxecto nun prazo duns tres meses e para iso a Deputación facilitaralles toda a información necesaria para facer ese traballo xunto cun "programa de necesidades" do que será sétimo edificio do Museo de Pontevedra. Polo feito de estar xa seleccionados recibirán 30.000 euros.
Os anteproxectos serán presentados baixo pseudónimo e un xurado "que estamos en xestións para constituílo" e que conformará "xente de prestixio e cunha traxectoria longa". Entre eses cinco anteproxectos seleccionarán un gañador que estará premiado con 50.000 euros "a deducir dos honorarios pola dirección da obra".
A Deputación optou por esta vía de seleccionar só cinco anteproxectos "para non dilatar o proceso" consciente de que este concurso para rehabilitar Santa Clara "é moi atractivo" e sería "un inferno" ter que valorar un gran número de propostas interesadas en participar a teor da gran expectación xerada. Trátase dunha fórmula que contempla a lei e que xa están a utilizar outras institucións museísticas como a ampliación do Prado que gañou Norman Foster.
ESTUDO XEOTÉCNICO
Onte xoves tamén se iniciou a tramitación para contratar o estudo geotécnico que analizará de maneira pormenorizada o terreo. Trátase dunha ferramenta esencial para recoller todos os detalles xeolóxicos e geotécnicos da área de traballo e determinar "se é viable" e "que posibilidades hai" para que poida construírse "ese hipotético soto para acoller a zona de arqueoloxía".
Este estudo arqueolóxico definirá as recomendacións a nivel de deseño de, por exemplo, a estrutura para construír e o noiro para escavar. Segundo avanzou César Mosquera parece que só podería haber un problema coa presenza de moita rocha na esquina da horta do convento que está máis próxima ao edificio de Adeslas.
MEMORIA HISTÓRICA DE SANTA CLARA
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra tamén informou que este xoves entregaron o estudo da memoria histórica, é dicir, todo o baleirado documental dos arquivos nos que se fai referencia ao convento de Santa Clara. "Ao final houbo sorte" comentou César Mosquera xa que "apareceu toda unha serie de documentación que se daba por perdida" que data dos séculos XIV e XV e que se atopou en Santiago de Compostela.