O concurso de disfraces este ano en Cambados será online e con máscara protectora

O Salnés
04 de febreiro 2021

O Concello de Cambados anuncia que, ante a situación actual provocada pola covid-19, o concurso vai desenvolverse nas redes sociais co cancelo #EntroidoCambados, subindo as fotos da persoa disfrazada e sempre coa máscara protectora posta

Venetian Carnival Mask
Venetian Carnival Mask / gnuckx

A pandemia obriga este ano a  reinventarse e ese é o plan do  Concello de Cambados para estas festas de Entroido que se achegan. Nesta ocasión, o concurso de disfraces realizarase de maneira en liña a través das redes sociais e utilizando o cancelo #EntroidoCambados, coa foto da persoa disfrazada e coa súa máscara protectora posta.

As fotos deben enviarse entre o día 12 e o 17 de febreiro co título de disfrace e categoría na que se inscriben. O Concello estableceu unha categoría infantil, ata os 12 anos inclusive; outra de adulto, para maiores de 12 anos; unha modalidade de parellas de calquera idade sempre que sexan conviventes e outra de grupos formados por tres ou catro persoas de calquera idade sempre que convivan xuntas.

O xurado estará composto por oito persoas que participan no taller de emprego xuvenil de dinamización de actividades de lecer e tempo libre no Concello de Cambados. A súa votación será atendendo a criterios de creatividade, caracterización e orixinalidade. A avaliación será a partir de que se peche a convocatoria o 17 de febreiro ás 14.00 horas.

Os premios serán únicos por categoría e consistirán nun vale por importe de cincuenta euros para realizar compras en Zona Centro. Ademais, a organización establece nas bases que se  prohibe participar con animais.