A Festaclown de Vilagarcía está chegando o seu fin despois de dúas intensas xornadas festivas nas que non faltaron as risas.
Na mañá do sábado foi o turno de animación para a cativada con Máximo Óptimo e a misa patólica de Leo Bassi na honra de Jango Edwards para, ás 19:30 horas, dar paso ao Certame Festaclown co espectáculo Glamping. Pecharon a xornada os etíopes Kine Circus na Praza da II República.
Na xornada do domingo chegou a cara máis social do festival, con Vero Rilo no parque Miguel Hernández co seu espectáculo 'Destemidas', reivindicativo e de humor. Na xornada matinal, na Praza da Ravella celebrouse o espectáculo Tnxarina de Titiricircus, que fixo rir aos máis pequenos.
Pola tarde, o Festaclown continuou co turno de Marta Sempre Arriba e o especáculo 'Hoxe Si! e, ás 21:00 horas, El Gran Dimitri e o show 'Legend' montou unha festa na que se xogou a vida.
O día 14 dará comezo coa actuación das asociacións Con Eles e Clámide co espectáculo 'O Novo Circo da Diversidade, o noso Circo do Sol local', onde haberá malabaristas, acróbatas, forzudos, pallasos... nun espectáculo protagonizado polas usuarias/os de Con Eles acompañados do bo facer das compoñentes de Clámide.
Tamén pola mañá, concretamente ás 12:30, estará na Praza da Ravella N+1 con Circanelo, un recordo ensoñador e festivo do gran circo de carpa alta e bicolor: a historia de dous vellos traballadores de aquel circo que recordan agora con marionetas de fíos as glorias do seu pasado na pista.
O luns continuará coa compañía galega Píscore, que trae a Vilagarcía o seu novo espectaculo recentemente estreado: 'Molto Barroco', unha reivindicación das composicións musicais barrocas desde o teatro; e coa actuación dos brasileiros Circo no Alto e o seu espectáculo 'Se der Corda', do que se poderá disfrutra ás 21:00 na Praza da II República.
A festa rematará no parque da Xunqueira co concerto de Lontreira, gañadores da 'canción do verán' en Galicia, que será o anticipo dun dos últimos concertos da xira de despedida de Rayden, que se subirá ao escenario a partir das 23:00 horas. O concerto é de acceso libre e gratuíto.