O goberno local do Concello de Pontevedra deu conta este luns na Xunta de Goberno da conclusión do proceso de redacción das bases para a concesión de subvencións a empresas, microempresas, autónomos e entidades sociais como medidas de apoio pola pandemia da Covid-19. Dotada con 1,25 millóns de euros, con posibilidade de ser ampliados, o plan será aprobado a próxima semana e o Concello espera comezar a abonar as axudas este mesmo ano.
Tras un proceso de redacción marcado pola pandemia que obrigou aos técnicos a realizar un esforzo extraordinario que a portavoz do goberno local, Carme da Silva, quixo recoñecer, o programa ofrece fondos para cinco liñas de actuación: dixitalización da empresa, obras de accesibilidade, renovación do local, eficiencia enerxética ou outras actuacións como adquisición de mobiliario.
Os beneficiarios recibirán o 75 % dos fondos concedidos tan pronto como se lles comunique a resolución, mentres que a cantidade restante será abonada ao finalizar as obras cando xustifiquen os gastos e a obra realizada.
Desde o Concello, polo momento, non contemplan a aprobación doutro tipo de axudas a curto prazo. Da Silva lembrou que xa flexibilizaron a taxa de ocupación de veladores e que suspenderon o pago dalgúns impostos. Con todo e a pesar das peticións dos empresarios sobre exencións fiscais, o Concello prefire ser cauto diante da incerta situación económica que se aveciña. "Non sabemos como imos estar o próximo ano, teremos caída de ingresos, non temos orzamentos do Estado, a ver que pasa co uso de remanentes. Hai moitas decisións fóra do ámbito local que nos van afectar moito", argumentou a portavoz municipal.