O Concello xa está "discurrindo cousas" para o 20 aniversario da Feira Franca

Pontevedra
01 de setembro 2018
Actualizado: 16:15

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores adiantou que o Concello fará "un esforzo orzamentario" con tal ocasión "para darlle un certo significado a esa data".  "A ver se conseguimos sorprender con algo impactante", engadiu a concelleira Carme dá Silva

Carme da Silva e Fernández Lores
Carme da Silva e Fernández Lores / PontevedraViva

Coa Feira Franca en plena celebración o goberno local de Pontevedra xa pensa na do próximo ano cando se cumprirá o 20 aniversario deste evento.

"Xa estamos discurrindo cousas", sinalou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, que adiantou que o Concello fará "un esforzo orzamentario" con tal ocasión "para darlle un certo significado a esa data". "A ver se conseguimos sorprender con algo impactante", engadiu a concelleira Carme da Silva.

O rexedor asegura que esta é unha festa "consolidada" cuxo éxito reside no seu "carácter familiar, no sentido clásico da palabra", aínda así "todos os anos tratamos de introducir algunha novidade" como ocorre co espectáculo de inauguración ou o transporte do viño e hai que "coidar e poñer en valor porque todos nos sentimos orgullosos desta festa".

Como anécdota Fernández Lores chamou a atención en que este ano "hai tendas que vendían roupa medieval para as mascotas" o que interpreta como "un reflexo dunha sociedade moi participativa".

"Eu agardo que, a pesar da calor, a xente o pase ben, que é do que se trata" nesta Feira Franca que o alcalde describiu como "unha romaría urbana de encontro cos amigos e cos que están fóra".

A concelleira de Festas, Carme da Silva, resaltou que a recreación medieval de Pontevedra ten como elemento característico "que se nota que está feita pola xente de aquí" o que a fai "máis orixinal e auténtica" xa que non hai unha empresa contratada que monta todo.

O reto para o futuro é "manter a calidade" para que os pontevedreses queiran seguir participando "e non sexa unha festa para a xente de fóra". Neste sentido non preocupa a masificación porque "máis xente da que ven non cabe" pero sen que se "nos relaxemos" na ambientación ou o coidado.

APOIO DO PP

Tamén o presidente local do PP de Pontevedra e portavoz municipal, Rafa Domínguez, participou coa súa familia da Feira Franca e sinalou que o seu partido "intentará mejorarla".

Acompañado polos concelleiros Aurora Cañizares e Jose Luis Martín, o portavoz municipal do PP referiuse ao vinte aniversario que o vindeiro ano cumplirá esta festa e adiantou que o alcalde "cuenta con el apoyo del Partido Popular para mejorar estas fiestas, para intensificarlas y para que los pontevedreses disfrutemos de ellas".

Arquivado en