Tralo anuncio do Ministerio de Hacienda de que pon en venda a súa antiga sede en Pontevedra, situada na Praza de Ourense, comezouse a especular cos usos que podería ter este histórico inmoble. No seu día formou parte do convento de San Francisco e quedou case en desuso tralo traslado das dependencias da Axencia Tributaria ao seu novo edificio en Campolongo.
Neste sentido, o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, sinalou que o edificio está actualmente catalogado como equipamento, polo que o Concello de Pontevedra vería "con bos ollos" que fose adquirido por unha cadea hoteleira para rehabilitalo e convertelo nun hotel de catro ou cinco estrelas "que complete unha oferta hoteleira que nestes momentos é moi limitada".
Asegura o edil socialista que Pontevedra debería contar "con dous ou tres hoteis de alto standing" para abrirse un oco na oferta turística estatal. "Non entendo como nunha cidade como Zamora están presentes cadeas como NH ou Hesperia e en Pontevedra non somos capaces de atraelos", explicou.
Pero estes plans de uso do antigo edificio de Facenda teñen os seus problemas. No seu día foi cedido ao Estado polos franciscanos a través da desamortización do século XIX, unha cesión condicionada a determinados usos, entre os que non está o hoteleiro. No caso de que se venda o edificio a terceiros, os seus anteriores propietarios poderían reclamar a súa reversión e volver ser titulares da propiedade ou ben recibir a correspondente indemnización.
Sexa como sexa, este uso hoteleiro, que xa foi suxerido polo entón candidato do PP á alcaldía, Telmo Martín, que propuña convertelo nun Parador, tamén está limitado polo feito do millonario investimento que habería que realizar para reconvertelo en hotel, o que podería botar para atrás á maioría das cadeas hoteleiras que operan no noso país.