Ao goberno municipal de Pontevedra non lle gustou a postura que mantivo a Xunta de Galicia nos últimos días con respecto a Ence. A pesar da sentenza da Audiencia Nacional, insisten en defender a continuidade da fábrica en Lourizán.
Para o Concello, esta postura é "irresponsable", xa que lembran que a xustiza ditaminou que a prórroga da pasteira estaba "mal concedida" e que o actual emprazamento da fábrica vulnera a lei de Costas.
"É un problema que creou o PP", sinalou a portavoz do executivo municipal, Anabel Gulías, que considera "delirante" que a Xunta de Galicia, no canto de traballar na procura de alternativas á situación de Ence, "contribúa a azuzar o problema".
Ningunha empresa, reiterou Gulías, pode ter "privilexios" e engadiu que "non se pode modificar unha lei por unha única empresa", en referencia á posibilidade esbozada onte dunha posible modificación da normativa de costas para dar amparo legal a Ence.
A fábrica, subliñou a portavoz municipal, "non pode estar situada neses terreos" e tanto a compañía como a Xunta de Galicia "teñen que aceptar a decisión da xustiza".
Desde a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) foron moito máis duros na súa valoración á reunión entre a Xunta e os traballadores, ao entender que se está "preparando o terreo" para "burlar" a lei e deixar á cidadanía "na máis absoluta indefensión".
As "solucións xurídicas" que reclama a Xunta ao Goberno central son, segundo APDR, "chantaxes disfrazadas", polo que espera que a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, "non ceda ante as presións empresariais".
Consideran que as ideas analizadas nese encontro "parecen ser cousa de trileiros ou de mafiosos", impulsadas para "dar aparencia de legalidade" a solucións que só buscan, conclúe, "beneficiar aos intereses dunha empresa en detrimento do interese xeral".