O Concello tilda de "electoralista" a nova glorieta de Marcón e censura as "présas" da Xunta

Pontevedra
03 de febreiro 2020

O proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada PO-542, que inclúe a construción dunha nova glorieta no lugar de Pazos, en Marcón, espertou os receos no goberno municipal e o rexeitamento absoluto dos técnicos do Concello, que veñen de emitir dous informes negativos

Zona de Marcón na que se construirá a nova rotonda
Zona de Marcón na que se construirá a nova rotonda / Xunta de Galicia

O proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada PO-542, que inclúe a construción dunha nova glorieta no lugar de Pazos, en Marcón, espertou os receos no goberno municipal e o rexeitamento absoluto dos técnicos do Concello, que veñen de emitir informes negativos por parte dos servizos de arquitectura e medio ambiente.

A portavoz do goberno, Anabel Gulías, censurou as "présas" e as "inexactitudes" desta actuación que, segundo denunciou, "obedece máis a un interese electoral do PP que a unha vontade real de mellorar esta infraestrutura".

"Nós facemos unha lectura bastante clara de que cando hai vontade por facer as cousas e mellorar infraestruturas que realmente favorezan a vida dos veciños de Marcón, os informes veñen máis completos, son máis detallados ou polo menos hai unha vontade de falar e de sentarse e ter en conta a opinión do Concello", asegurou a edil do BNG.

Entre as "eivas" que as oficinas técnicas municipais mencionan nos seus respectivos informes figura, entre outras cuestións, a ausencia dun orzamento detallado do proxecto, o que impide que poida ser contrastado, e non se detallan as dimensión das sendas para favorecer os itinerarios peonís e ciclistas.

Ademais, tampouco se achegan documentos como os planos de sinalización e calmado de tráfico que recollan como se vai actuar para acadar a redución efectiva das velocidades na glorieta, nin planos de iluminación pública, nin información detallada sobre zonas verdes, nin se indica a quen corresponde o seu mantemento.

Por último, tamén se reclaman outros informes preceptivos de Augas de Galicia, por estar afectado a canle do río Marcón ou de Patrimonio por estar afectado patrimonio municipal. 

O Concello de Pontevedra, recordou Gulías, "sempre é un aliado" para calquera administración en materia de mobilidade, pero asegurou que esta actuación "non é seria".

O rexeitamento por parte dos técnicos municipais implicará, de entrada, un atraso na tramitación administrativa desta actuación, na que a Xunta quere investir 750.000 euros.