Pontevedra espertou este martes aínda sobrecollida polo incendio que devorou onte á noite un dos edificios máis emblemáticos da praza da Ferrería e da rúa Michelena. Puido ser, sen dúbida, moito peor do que foi e non poucos pontevedreses chegaron a temer que se repetise na cidade o pavoroso incendio que, en 1988, arrasou gran parte do barrio de Chiado, o corazón da Lisboa histórica.
"É un día duro para os propietarios dos inmobles, pero tamén é un día duro para toda Pontevedra porque cando arde o centro histórico arde unha parte da historia da cidade", destacou a concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, que agradeceu publicamente o traballo de todos os servizos de emerxencias do concello que coa súa actuación "profesional, rápida e eficaz" impediron que o lume se propagase por toda a mazá.
Carme Silva explicou que foi un cidadán que paseaba pola rúa Michelena o que deu o primeiro aviso do incendio. "Veu fume que saía do edificio e avisou aos bombeiros", sinalou. Eran as 20.38 horas e, a partir de aí, púxose en marcha un amplo dispositivo de seguridade e en "cuestión de minutos", os bombeiros chegaron á zona do incendio e puxéronse á fronte do operativo.
Os bombeiros optaron por facer fronte ao incendio por Michelena porque, segundo o xefe do servizo, Manuel Torres, "valoramos que el riesgo estaba allí" ao entender que a posibilidade de que o lume se estendese ao resto de edificios da mazá era "importante". Non foi fácil porque na zona interna do inmoble o incendio "ya estaba generalizado" e os bombeiros tiveron que combatelo "desde arriba".
Cando o lume xa fora "atacado" desde Michelena e o risco reduciuse, os bombeiros dirixíronse cara á praza da Ferrería onde as chamas eran "voraces" pola propia estrutura do inmoble, construída en madeira, e tamén debido ao material que había tanto na tenda A Moda Ideal como no estudo de fotografía que estaba no piso superior había material "altamente inflamable".
"É un día duro para os propietarios dos inmobles, pero tamén é un día duro para toda Pontevedra porque cando arde o centro histórico arde unha parte da historia da cidade", asegurou Carme da Silva
Neste sentido, Carme da Silva defendeu aos bombeiros fronte ás críticas e apupos recibidos cando chegaron á praza da Ferrería porque a xente "non vira que estaban traballando en Michelena" e reiterou que se optou por actuar así unicamente por un criterio profesional de "como había que atacar un lume así" para evitar que se propagase ao resto de edificios, o que provocaría un dano patrimonial "irrecuperable".
"Podo entender esas manifestacións por parte dos propietarios que estaban moi preocupados desde o punto de vista material e sentimental, pero as que non podo entender son as de outras persoas", sinalou a edil do BNG, respecto dos cargos públicos que inicialmente criticaron a presunta descoordinación do servizo e a tardanza dos bombeiros en atallar o incendio desde A Ferrería.
Apenas dúas horas despois do inicio do lume, ás 22.50 horas, o incendio estaba controlado e os bombeiros garantiron que o lume non se estendería aos edificios lindeiros. Houbo para eles, tamén, momentos de perigo, especialmente cando o edificio da Ferrería, onde estaba a tenda A Moda Ideal, "colapsou" ao quedar arrasada a estrutura de madeira continua que unía os dous inmobles.
Segundo explicou Carme dá Silva, ás 00.15 horas retiráronse a maior parte dos axentes de policía, quedando presente unicamente unha patrulla para evitar que se achegasen curiosos á 'zona cero'. Os traballos para arrefriar a estrutura e os restos do sinistro continuaron ata as tres e media da madrugada. Unha hora despois, concluíron os primeiros traballos de limpeza e levantouse o cordón de seguridade en todo o perímetro, salvo diante das fachadas dos dous inmobles da Ferrería e Michelena.
Ademais dos bombeiros de Pontevedra, acudiron efectivos desde Poio, O Salnés e O Morrazo para colaborar coas tarefas de extinción, mentres que outros corpos de seguridade como a Policía Local, Policía Nacional e Protección Civil de Pontevedra encargáronse de desaloxar os edificios máis próximos ao incendio "por seguridade" ao detectarse neles grandes cantidades de fume e de monóxido de carbono.
Foron desaloxadas nove persoas que, no momento do incendio, estaban nas súas vivendas e, en total, o Concello reacolleu a doce persoas nun establecemento hostaleiro da cidade. O resto dos afectados pasaron a noite con familiares e amigos ata que, á primeira hora da mañá deste martes, os bombeiros entregáronlles as chaves das súas casas tras airealas e puideron regresar aos seus respectivos domicilios.
O Concello agradeceu o traballo dos servizos de emerxencias que coa súa actuación "profesional, rápida e eficaz" impediron que o lume se propagase por toda a mazá
A este respecto, aínda que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) púxose en contacto co Concello para ofrecer pisos de promoción oficial para acoller aos afectados, ditas vivendas non foron necesarias. Tamén o director xeral de Emerxencias, Luís Menor, púxose en contacto co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, para ofrecer toda a colaboración do seu departamento ante este incendio.
O propio alcalde, que se achegou á rúa Michelena ao pouco de que se iniciase o incendio, quixo encomiar a actuación de todos os corpos profesionais e da cidadanía "en xeral", subliñando a rapidez coa que se deron os feitos.
"Non existe risco cero", sinalou Fernández Lores, que quixo deixar clara, a expensas dos informes oficiais, a involuntariedade do sucedido porque "hai cousas que son así".
Sobre as causas do incendio, por agora, non hai unha explicación oficial. Axentes da Policía Científica interrogaron nas últimas horas aos propietarios dos inmobles afectados e das vivendas lindeiras, pero durante a noite non puideron entrar no edificio ante o risco para a súa propia seguridade. Espérase que o fagan ao longo deste martes, unha vez finalizasen os traballos que seguen realizando os bombeiros en todo o perímetro.