O Concello teme o aprazamento "sine die" do proxecto da Variante de Alba por "falta de cartos" na Xunta

Pontevedra
16 de decembro 2019

César Mosquera, concelleiro de Ordenación do Territorio, sorprendía este luns 16 ao afirmar que a Xunta de Galicia non quere subir o orzamento deste proxecto inicialmente establecido en 8 millóns de euros aportando as melloras reclamadas pola veciñanza e polo Concello

Protesta dos afectados pola Variante de Alba
Protesta dos afectados pola Variante de Alba / PontevedraViva
Mosquera di que a Xunta non ten cartos para facer o proxecto da Variante de Alba /

César Mosquera, concelleiro de Ordenación do Territorio e de Mobilidade de Pontevedra, afirmaba este luns que a Xunta non quere investir as cantidades económicas, que ascenderían a tres ou catro millóns para mellorar o proxecto da Variante de Alba, tal e como reclama a veciñanza da zona e o propio Concello a través das alegacións.

"Estamos profundamente cabreados porque esta técnica xa a coñecemos" afirmaba Mosquera sinalando que polas palabras que Núñez Feijóo trasladou ao alcalde e por outras informacións internas entenden que o executivo galego vai aprazar "sine die" este proxecto e, segundo a hipótese que manexa o concelleiro, alegarán un informe do Concello para atrasar esta proposta e evitar que se inicie o procedemento en 2020, malia a conversa telefónica mantida entre o presidente da Xunta e o alcalde de Pontevedra o venres cando parecía desbloquearse o proxecto.

O representante do goberno local indicou que "estamos irritados" e fixo chamamento á lealdade institucional para criticar que desde a Xunta manden a un "recadeiro con total covardía" para avanzar as intencións da administración autonómica, en clara referencia ao líder da oposición Rafa Domínguez e ao seu anuncio de oposición ao proxecto. Para Mosquera, esa intervención do PP local era algo pactado entre Domínguez e o Partido Popular de Santiago. "Unha cousa é facer que fas e outra é querer facelo", dixo César Mosquera lamentando a actitude adoptada neste tema polo executivo galego. 

O proxecto inicial exposto pola Xunta de Galicia supoñía un investimento de 8 millóns de euros, aclaraba Mosquera para indicar que se se aplicaban as melloras pedidas pola veciñanza e polo  Concello para obter o consenso social, a iniciativa ascendería aos 11 ou 12 millóns de euros. Por este motivo, o concelleiro indicaba que "a Xunta entendeu que eran demasiados cartos. Non ten esas limitacións cando se trata doutros concellos como Sanxenxo ou Marín".

"Ogalla haxa un cambio de postura" afirmaba o concelleiro, que apuntou que o Concello está disposto a colaborar coa administración autonómica para chegar a acordos para executar a nova Variante de Alba.

Arquivado en