A portavoz do goberno local, Anabel Gulías, anunciou que o Concello de Pontevedra solicitará unha entrevista ao recentemente elixido presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para abordar a denominada "Axenda Pontevedra".
Anabel Gulías valorou o acordo alcanzado polo BNG co PSOE para facilitar a investidura do candidato socialista como "responsable e útil" e que "foi unha mostra de que verdadeiramente hai un compromiso que esperemos que se cumpra con Galicia".
Neste sentido, a portavoz municipal quixo precisar que "dentro da axenda galega tamén existe unha axenda propia da cidade, unha axenda de Pontevedra", un feito polo que "debemos parabenizarnos".
A edil nacionalista valorou que neste acordo de investidura sinálanse temas que son "de vital importancia para a cidade", como son a construción da ligazón do nó de Bombeiros ou a transferencia da AP-9 e a bonificación da peaxe para os usuarios recorrentes. Pero especialmente "estamos satisfeitos", indicou Anabel Gulías, "por primeira vez hai un Goberno de Estado que recoñece que ENCE está mal situada e que corresponde o seu traslado".
Esta "posición novidosa" con respecto á fábrica pasteira de Lourizán que está "escrita e asumida" polo Goberno central é a que leva defendendo desde hai anos o Concello de Pontevedra, tal e como lembrou Anabel Gulías.
"Isto era un primeiro paso pero desde o goberno local de Pontevedra imos seguir coas esixencias" anunciou a portavoz municipal, puntualizando que "quedan por negociar orzamentos e moitos acordos".
"Queremos seguir fixando unha Axenda Pontevedra", por este motivo solicitarase esta entrevista co presidente Sánchez "para trasladar as demandas" do Concello que "serán cuestións que se esixan para posibles condicionamentos de apoios".
Esta "axenda" incluirá cuestións como "as obras da circunvalación" esixindo que se execute con "bo ritmo" a Autovía A-57 "e non se dilate o tempo como está a ocorrer" con esta "infraestrutura necesaria". Outro compromiso será a solicitude de financiamento para poder acometer as "custosas" obras do Museo de Pontevedra.
O Concello tamén quere "falar largo e tendido co Goberno do Estado" do Edificio de Facenda, situado na céntrica praza da Ferrería, para o que se demandará que se recupere para o "uso público".
Finalmente, a portavoz do goberno local, Anabel Gulías, reiterou que no Concello de Pontevedra están "esperanzados e ilusionados con esta nova etapa" e recalcou que "o único que pretendemos é que a Axenda Pontevedra sexa unha realidade e que o Goberno cumpra cos compromisos ou esixencias do Goberno local", algo que, segundo dixo, "nunca ocorreu en tempos pasados nos que esta cidade foi marxinada".