Moderadamente satisfeito. Así se mostrou o edil de Infraestruturas, César Mosquera, ante o anuncio do trazado elixido pola Xunta de Galicia para a variante de Alba e os prazos que manexa a administración autonómica para a súa construción.
En rolda de prensa, Mosquera explicou que o Concello valora "positivamente" que o goberno galego estea "disposto a facela", pero considera que a alternativa elixida, a máis próxima ao núcleo urbano, podería ser mellor.
"É bo que se faga, pero non é a solución óptima", explicou o concelleiro do BNG, que revelou que esta alternativa non estaba entre as "primeiras opcións" do Concello.
Tras agradecer, en todo caso, que este proceso levouse de maneira "coordinada" cos técnicos municipais, César Mosquera indicou que dentro da parte positiva está que este trazado está "ben estudado" e que non supón ningunha afección sobre vivendas.
O Concello prefería que esta variante de Alba, prevista para conectar as estradas PO-531 e a N-550, comezase na actual rotonda de San Caetano e chegase ata Cerponzóns, pero ao parecer esta opción topouse coa negativa de Fomento.
Tamén se descartou a opción "máis lóxica", segundo Mosquera, que era dar continuidade á variante de Poio, porque o nivel de afección sobre casas e propiedades era "moi forte".
Os técnicos municipais estudarán agora o proxecto para presentar posibles alegacións. En Campañó preocupa especialmente, segundo o edil de Infraestruturas, que a variante de Alba arranque "moi preto" do colexio, polo que probablemente solicítese unha actuación para urbanizar a PO-531 nese tramo e colocar beirarrúas que sirvan de protección.
Mosquera tamén explicou que "non compartimos" a posibilidade de que se amplíe a variante a catro carrís nin que unha estrada de apenas un quilómetro vaia a ter un límite de velocidade de 100 quilómetros por hora, algo que o Concello considera "excesivo".
Con respecto á actual PO-225, o goberno municipal espera que tras a construción da variante sexa traspasada ao Concello. A intención é realizar unha reforma deste vial para reforzar a mobilidade peonil e realzar o tramo do Camiño Portugués que pasa pola zona.