O Concello rexeita a continuidade da gasolineira do Burgo

Pontevedra
30 de setembro 2019

Para Pontevedra é "evidente" que a gasolineira do Burgo non pode continuar na súa actual localización. Eses terreos, segundo o goberno municipal, deben recuperarse para o uso e goce de toda a cidadanía. Por iso, o Concello presentou alegacións ante Costas para mostrar o seu rexeitamento á prórroga solicitada por Repsol

Gasolineira do Burgo
Gasolineira do Burgo / Mónica Patxot

Para Pontevedra é "evidente" que a gasolineira do Burgo non pode continuar na súa actual localización. Eses terreos, segundo o goberno municipal, deben recuperarse para o uso e goce de toda a cidadanía. Por iso, o Concello presentou alegacións ante Costas para mostrar o seu rexeitamento á prórroga solicitada por Repsol.

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, lembrou que a petición da empresa xa conta cun pronunciamento contrario por parte de Costas, que entende que unha gasolineira non debe ocupar terreos de dominio público marítimo terrestre.

As alegacións do Concello baséanse nun informe emitido por Medio Ambiente da Xunta, en outubro de 2015, que asegura que "existen evidencias" de contaminación no Lérez e que a estación de servizo provoca "prexuízos ambientais" no río.

Ademais, a edil lembrou que a gasolineira está " fóra de ordenación" e que o plan vixente establece que este tipo de equipamentos deber estar situados fóra das zonas residenciais da cidade.

O terceiro argumento empregado por Pontevedra para opoñerse á súa continuidade é que a gasolineira está situada na cabeceira norte da ponte do Burgo, que forma parte do Camiño Portugués a Santiago, itinerario declarado como Ben de Interese Cultural (BIC), polo que conta cunha protección patrimonial específica.

O Concello tamén presentará alegacións á solicitude de Unión Fenosa para que Costas permítalles manter o transformador eléctrico situado fronte ao Pavillón Municipal.

Costas xa advertiu que dita instalación pode ter unha localización alternativa, polo que o goberno municipal tamén rexeita a súa continuidade e esixirá o seu traslado.