O Concello reúnese coa Asociación Veciñal A Fonte para seguir dando pasos na mellora de Cantodarea

Marín
23 de setembro 2023

A concelleira Marián Sanmartín recibiu á directiva desta entidade veciñal para facer repaso das peticións e demandas que se puideron ir subsanando nestes anos e todas aquelas que aínda están en proceso de ser atendidas, coa vista posta en recuperar o esplendor dun barrio, o de Cantodarea, cheo de historia e potencial para Marín

Reunión no Concello de Marín con representantes da Asociación Veciñal A Fonte
Reunión no Concello de Marín con representantes da Asociación Veciñal A Fonte / Concello de Marín

A concelleira de Medio Ambiente e Benestar Social, Marián Sanmartín, recibiu este venres no Concello de Marín ás directivas da Asociación Veciñal A Fonte Cantodarea-Estribela, para facer balance dos últimos anos e poder marcar as prioridades e demandas que a entidade ten en mente para o próximo curso. 

Sobre todo, as peticións céntranse en seguir mellorando a mazá urbana que se estende entre o Outeiro, Cruceiros, a Fonte, a Rúa do Sur... Tal e como expuxeron desde a asociación, as situacións que ás veces se dan no barrio esixen que haxa un maior control de seguridade policial, que se reforza en determinados momentos.

En canto á labor policial, tamén se solicitarán cambios na organización do tráfico nalgúns puntos, sobre todo no que ten que ver coa habilitación da dirección única e co pintado amarelo para disuadir e evitar o mal estacionamento que moitas veces se produce nos accesos.

Tal e como explicou Sanmartín, "agradecéronnos a renovación e maior dotación de puntos de luz que fixemos nos últimos tempos" e tamén se colleu nota dun novo que se solicita.

OBRAS FUTURAS

Outro punto da reunión tivo que ver coa petición por parte da asociación de seguir de cerca aqueles expedientes de casas que se atopan en situación de abandono ou de posible derrubamento, para poder interpoñer sancións nos casos nos que sexa procedente. Ademais, pediuse un aumento do desbroce na zona para evitar maleza.

A concelleira presentou tamén á directiva as principais novidades das obras que máis afectarán ao barrio. Por unha banda, explicou cal é a situación do derrubamento do antigo Mercado, expoñendo que xa se conta co novo proxecto preciso para licitar de novo os traballos e coincidiu coa asociación en que o novo espazo que se cre teña unha parte de estacionamento e outra de zona de esparcemento, con bancos e mobiliario público.

Ademais, Sanmartín faloulles do proxecto de humanización da beira dos edificios da Avenida de Ourense, que tamén mellorará a entrada a Marín e, por tanto, o acceso a Cantodarea.

Desde a entidade veciñal tamén quixeron poñer en valor que se realizaron melloras nalgunhas casas, que estaban a ser utilizadas como vivendas turísticas cunha gran acollida tanto nesta temporada como durante todo o verán, o que está impactando favorablemebte en toda a zona.