O Concello de Sanxenxo está a renovar o valado de protección dunar da praia de Major co obxectivo de mellorar o estado de conservación dos hábitats dunares existentes, principalmente dunas grises (hábitat prioritario) e duna branca (hábitat de interese comunitario).
Ademais da reposición, ampliarase o valado 250 metros lineais para frear a deterioración dunar, tal e como se recolle dentro dos obxectivos de espazos da área litoral, recolleitos como prioritarios para hábitats no Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia.
A actuación terá un custo de 24.200 euros dos que 19.997 serán subvencionados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural en dúas anualidades. A adxudicataria dos traballos, Madeiras Doval, iniciou esta semana a reposición dos 250 metros lineais que delimitarán a entrada ao areal e protexerá o espazo dunar tan característico de Major.
Os traballos consisten na retirada do valado actual e na substitución por un novo valado de plástico reciclado de cor marrón con traveseras reforzadas interiormente.
A colocación deste valo chega despois da renovación da pasarela que conduce á praia. Este é un areal moi concorrido tanto no verán polos bañistas como por visitantes no inverno que acoden a esta zona para gozar da beleza da contorna.