O Concello prorroga o contrato do guindastre municipal ata sacar o novo concurso

Pontevedra
29 de febreiro 2024

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou este xoves a prórroga por nove meses do servizo municipal do guindastre, segundo informou a portavoz municipal Eva Vilaverde

Un traballador municipal fichando no rexistro do Concello
Un traballador municipal fichando no rexistro do Concello / Mónica Patxot

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou este xoves a prórroga por nove meses do servizo municipal do guindastre, segundo informou a portavoz municipal Eva Vilaverde. 

A actual concesión á empresa Setex Aparki S.A finaliza o 30 de marzo e para ter unha marxe de tempo suficiente para completar os trámites e poder sacar o novo contrato o Concello de Pontevedra optou por esta prórroga para garantir que se siga prestando este servizo pola súa importancia no funcionamento da cidade.

O goberno municipal tamén aprobou a segunda prórroga, por un período dun ano, do contrato de aplicación do Cronos, que xestiona a fichaxe dos traballadores municipais. É a última prórroga contemplada no contrato de 3 anos que está vixente, e que ten un custo de 3.944 euros.

Eva Vilaverde tamén deu conta da concesión de licenza para instalar un guindastre torre no Instituto Valle Inclán, para as obras que se están levando a cabo para reformar este centro educativo.

Outro asunto aprobado este xoves foi unha addenda no convenio que ten o Concello de Pontevedra coa Universidade de Vigo para a celebración de prácticas académicas non remuneradas do alumnado.

Dada a modificación normativa que houbo respecto diso da cotización á Seguridade Social, que obriga a cotizar polas prácticas, o que fai o goberno local é seguir adiante con este convenio, garantindo que o alumnado poida facer as prácticas na administración municipal pero na addenda aclárase que a cotización ten que ser asumida pola Universidade e non pode supoñer un custo engadido para o Concello.

RECURSO RAIÑA VITORIA

Por último, e fóra da orde do día desta Xunta de Goberno, notificouse a desistencia por parte do avogado Evaristo Estévez no seu recurso pola instalación do skate park na rúa Reina Victoria. 

"É o cuarto procedemento xudicial que se pecha a este respecto por parte desta persoa", sinalou Eva Vilaverde. Houbo unha sentenza en contra das pretensións deste letrado que desistiu de continuar coas outras tres reclamacións "o que demostra que este asunto xa está máis que pechado, que non hai volta atrás e que está todo feito correctamente, sen ningún tipo de resquicio nin rabo xudicial", concluíu a edil.