O Concello de Poio anunciou que nas vindeiras datas empezarán a realizarse tarefas de limpeza e roza na illa de Tambo.
O concelleiro Gregorio Agís explicou que son traballos que se efectúan para o acondicionamento das sendas "e tamén a modo de prevención de incendios".
A pretensión da administración local é que ao longo do verán xa se poidan efectuar visitas a Tambo de xeito habitual, abertas para a cidadanía. En todo caso, este ano serán excursións guiadas e controladas.
Ademais, Agís tamén adiantou que proximamente se convocará á comisión de seguimento da illa de Tambo para continuar avanzando "da man dos colectivos locais" en cuestións como a elaboración do plan de usos da illa, un documento "indispensable", que "é preciso para consolidar un uso sustentable da illa, no que se consolide como atractivo á vez que se garante a súa preservación e coidado".
VISITA GUIADA
Máis de 70 persoas participaron este pasado domingo nunha excursión guiada á illa de Tambo, organizada pola Concellería de Promoción Económica e Urbanismo e dirixida a profesionais e comerciantes vencellados ao tecido empresarial local, en colaboración coa Asociación de Empresarios EnPoio.
Gregorio Agís explicou que a visita tiña como obxectivo de ofrecer ao sector a posibilidade de "coñecer e familiarizarse coa riqueza patrimonial, paisaxística e histórica que ofrece este enclave emblemático da ría de Pontevedra, que o Concello xa xestiona de xeito directo tras a concesión demanial que asinamos co Ministerio de Defensa a principios de marzo".
Agís apuntou que este sector ten "unha canle directa coas persoas que visitan Poio, polo que son quen de exercer como transmisores dos atractivos existentes en Tambo". O edil aposta por continuar organizando visitas para asociacións e colectivos para seguir consolidando esta filosofía.