En Rubí desenvólvese o cuarto congreso polo cambio enerxético no que a tenente de alcalde e concelleira de Protección Cidadá, Carme da Silva, interveu este venres para ofrecer o modelo da cidade de Pontevedra como exemplo de cambio do uso enerxético.
Pontevedra está convidada neste congreso xunto ao concello de Barcelona, a Generalitat, a Cámara de Comercio de Barcelona e o Instituto de Saúde Global da cidade condal para mostrar a súa proposta de planificación da mobilidade urbana nas cidades.
Carme da Silva explicou durante o acto que o municipio reduciu as emisións de carbono, cumprindo todos os días do ano os parámetros de limpeza do aire que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) e, ao mesmo tempo, de aforro de combustible.
Da Silva sinalou que non é viable seguir consumindo as inxentes cantidades de combustible que se están utilizando nas cidades e é necesario reducir o tráfico e ese consumo de enerxía.