O Concello presentará alegacións ao aparcamento de Montecelo para "garantir prezos asequibles"

Pontevedra
14 de agosto 2024

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, informaba que na Xunta de Goberno municipal, celebrada este mércores 14 de agosto, acordouse presentar unha serie de alegacións ao anteproxecto do aparcamento do Hospital Novo Montecelo

Infografía do proxecto de aparcadoiro para o Hospital Montecelo
Infografía do proxecto de aparcadoiro para o Hospital Montecelo / Xunta de Galicia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, informaba que na Xunta de Goberno municipal, celebrada este mércores 14 de agosto, acordouse presentar unha serie de alegacións ao anteproxecto do aparcamento do Hospital Novo Montecelo, tras a publicación, hai só un día, no Diario Oficial de Galicia (DOG) do anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o anteproxecto de concesión de obra pública.

Fernández Lores lembrou que, xa en 2019, o Concello propuxo unha alternativa máis económica e funcional, suxerindo catalogar os terreos perimetrais de Montecelo, considerados rústicos, como de afectación de infraestruturas. Esta opción permitiría unha futura ampliación ou uso como aparcamento en superficie, o que abarataría considerablemente os custos de construción, destacaba o alcalde.

Nesa proposta de hai cinco anos, os técnicos municipais calculaban que unha praza de aparcamento en superficie podería custar ao redor de 2.000 euros fronte aos máis de 20.000 euros que custaría cada praza soterrada. "Polo tanto, é un investimento público, que van pagar, obviamente, os cidadáns por todas as vías: a xente que aparque, ou se non, pola vía de gasto público", engadía o rexedor.

O alcalde tamén subliñou que o aparcamento debería estar finalizado simultaneamente co hospital, para garantir que os usuarios dispoñan dun lugar onde estacionar dende o primeiro día de funcionamento. Con todo, lamentou que, coa solución actual, prevese un atraso de case dous anos, "porque se fala de 2026, pero máis ben cremos que será no 26 ou 27".

O investimento total do proxecto calcúlase nuns 20 millóns de euros, dos cales o Servizo Galego de Saúde (Sergas) achegará 3,5 millóns, ademais de afrontar un pago anual de 440.000 euros durante 25 anos. "Estamos falando dun custo exorbitante, e os cidadáns asumirán esta carga fiscal", advertiu Fernández Lores.

O alcalde salientou que, debido a que o novo hospital era unha infraestrutura moi demandada e que arrastraba un atraso de dez anos "non puxemos pega ningunha" a que empezasen as obras.

As alegacións que o Concello de Pontevedra presentará á nova documentación do aparcamento perseguen que "se poñan o máximo de prazas gratuítas públicas posibles, e en todo caso, que se garanta que os prezos sexan absolutamente alcanzables", manifestaba o alcalde. Tamén se vai a propoñer "un bono para a xente que teña hospitalizacións longas e para o persoal", de modo que estas circunstancias "non afecten excesivamente á economía dous usuarios".

Finalmente, lembraba que o Concello xa presentou alegacións no seu momento, coincidindo coas diferentes exposicións públicas do proxecto. "Agora estudaremos, esta nova documentación, e faremos as alegacións tamén pertinentes", remataba Fernández Lores.