O Concello pide un carril bici e unha senda peonil na variante de Alba

Pontevedra
23 de xaneiro 2017
Actualizado: 21:56

Mellorar a mobilidade ciclista e peonil do proxecto inicial presentado pola Xunta para executar a variante de Alba. Esa é a única petición que realizou o Concello de Pontevedra aos técnicos da Xunta, segundo confirmou este luns o alcalde

Reunión na Xunta para falar pola Variante de Alba
Reunión na Xunta para falar pola Variante de Alba / Mónica Patxot

Mellorar a mobilidade ciclista e peonil do proxecto inicial presentado pola Xunta para executar a variante de Alba. Esa é a única petición que realizou o Concello de Pontevedra aos técnicos da Xunta, segundo confirmou este luns o alcalde.

Miguel Anxo Fernández Lores explicou que este trámite fará que a exposición pública do proxecto se atrase ata "finais de febreiro ou principios de marzo".

Tras analizar as diferentes propostas de trazado, a Xunta de Galicia apostou pola opción "máis curta" e que ten un "menor impacto" sobre o río Rons, elección coa que está de acordo o goberno municipal.

A variante de Alba sairía da rotonda de San Caetano, na estrada PO-531, e concluirá en Pidre (Cerponzóns). Iso si, a opción elixida pola Xunta fará que o viario estea uns 250 metros máis preto do núcleo urbano de Pontevedra, cun trazado "máis vertical" na zona do río.

Os cambios propostos polo Concello reflíctense nun informe de enxeñeiro municipal que conclúe que a mobilidade peonil e ciclista "non está ben tratada", segundo Lores, no proxecto inicial redactado polo goberno galego.

O Concello pediu á Xunta que se contemple un carril bici ou, na súa falta, unha beiravía "grande" que sexa compatible co tráfico rodado. A idea é que teña un tratamento similar á conexión entre Médico Ballina e Monte Porreiro.

A Xunta comprometeuse a reformar "minimamente" o proxecto da variante e manterá a previsión para que nun futuro a estrada se poida ampliar a catro carrís, algo que Fernández Lores considera que "non ten sentido".

OS POPULARES, COS VECIÑOS

Mentres tanto, membros do Partido Popular mantiveron este luns unha xuntanza cos veciños de Alba para mostrarlles a proposta deseñada pola Consellería de Infraestruturas para a construción da variante. Jacobo Moreira e Lupe Murillo fixeron partícipes deste proxecto aos veciños para poder coñecer tamén as súas valoracións e consideracións sobre este trazado.

"Trátase dunha interesante alternativa que evitará a expropiación de vivendas; unha das principais preocupacións que nos trasladan habitualmente os veciños cando se presenta un proxecto deste calado", destacou o edil popular, quen lembrou que esta proposta "permitirá mellorar substancialmente a conexión entre a estrada de Santiago e a estrada de Vilagarcía, aliviando o fluído de tráfico nesta parroquia pontevedresa".

 

Arquivado en