O Concello pide á Xunta un estudo detallado sobre as consecuencias na saúde do proxecto de Parque Eólico dos Cotos

Pontevedra
28 de marzo 2022

O Concello de Pontevedra elaborou tres informes para alegar ao proxecto. Anabel Gulías, portavoz municipal, indicou que existen efectos ambientales que afectan a aves especialmente protexidas e un impacto paisaxístico nos miradoiros do parque da Fracha. Ademais, o goberno local amosa a súa preocupación pola falta de referencia no proxecto sobre a incidencia da saúde na poboación e sobre os riscos de incendios orixinados pola liña eléctrica

Anabel Gulías, portavoz do goberno local de Pontevedra
Anabel Gulías, portavoz do goberno local de Pontevedra / Mónica Patxot

O  Concello de Pontevedra xa conta cos informes para presentar as alegacións ao proxecto de construción do Parque Eólico dos Cotos, que afecta a Pontevedra, Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas.

Anabel Gulías, portavoz do goberno local, indicaba que esta iniciativa proxecta, ademais das liñas aéreas, outra soterrada que afecta principalmente o territorio municipal porque ao final da instalación eléctrica para evacuar enerxía ata a subestación da parroquia de Ponte Sampaio.

Os informes foron elaborados polos departamentos de Medio Ambiente Natural,  Arqueoloxía e pola Oficina Técnica de Arquitectura e Planeamento, prestando especial atención ao impacto desta instalación na saúde ao seu paso polos núcleos veciñais. 

En todo caso, a oficina de Medio Ambiente Natural tamén recolle no seu informe o impacto que este proxecto tería sobre especies especialmente protexidas como o escribano palustre e a folosa acuática. A Xunta no seu informe indica que ningunha especie estará afectada pero os técnicos municipais sosteñen que na elaboración do informe autonómica non se tivo en conta a migración das aves.

Tamén mostran a súa preocupación polo impacto paisaxístico. Mentres os promotores defenden que a instalación só afectaría un miradoiro do parque forestal da Fracha e non afectaría visualmente, o Concello alega que se fixo un investimento recente neste parque coa creación de catro miradoiros e dous deles están orientados á liña eléctrica que se proxecta véndose moi afectados. Anabel Gulías tamén lamentaba que non se fixese referencia nos informes do proxecto aos riscos de incendio que orixinaría a liña eléctrica.

Pero, sobre todo, desde o Concello lamentan que a Xunta de Galicia non recolla "en ningún lugar" os efectos sobre a saúde da poboación. O goberno municipal reclama un estudo máis detallado sobre as posibles consecuencias desta intervención xa que non se citan os efectos que a contaminación electromagnética tería sobre a cidadanía.

Gulías lembrou que hai sentenzas que recoñecen o potencial perigo para a saúde destes parques eólicos. Por este motivo, desde Pontevedra demandan datos sobre estes efectos e sobre detalles da instalación coma se consta de apantallamiento soterrado.

"Estamos francamente preocupados pola proliferación  deste tipo de instalacións. Ás veces, as presas son malas conselleiras", apuntou a portavoz municipal, explicando que o goberno local está de acordo co aproveitamento de enerxías renovables pero non "a calquera custo". Anabel Gulías manifestou que espera a  recapacitación da Xunta de Galicia sobre este proxecto.

Arquivado en