O Concello pide á Xunta que "suavice" o trazado da variante de Alba

Pontevedra
05 de agosto 2019

"Non é a mellor opción pero é a única viable", nestes termos referiuse este luns o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera ao trazado da variante de Alba proposto pola Xunta "como un vial duro"

Marcha veciñal en Campañó contra o proxecto da variante de Alba
Marcha veciñal en Campañó contra o proxecto da variante de Alba / Cristina Saiz

"Non é a mellor opción pero é a única viable", nestes termos referiuse este luns o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera ao trazado da variante de Alba proposto pola Xunta.

Moquera informou en rolda de prensa das alegacións que vai presentar o Concello de Pontevedra a este proxecto e nas que pide que "se suavice e se adapte ao territorio", para incluír os fluxos peonís e de ciclistas, xa que agora está deseñado coma "un vial duro".

A xunta de goberno local aprobou este luns os informes do estudo de trazado e de impacto ambiental, para darlles traslado á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. 

Os departamentos municipais de Arquitectura, Arqueoloxía, Enxeñería e Medio Ambiente Natural sinalan unha serie de cuestións que deben corrixirse neste proxecto e que, ademais dos fluxos peonís e ciclistas, atenden ás conexións cos viais existentes, piden corrixir o forte impacto do trazado na contorna do CEIP Campañó, ou á contaminación acústica nos núcleos de poboación.

Os técnicos tamén recomendan "prever, dentro da zona de posible ampliación da estrada, a implantación dun itinerario pavimentado, paralelo á variante, dotado de iluminación pública e adaptado a eses usos". 

Mosquera considera que a actual proposta de trazado é a única viable, ante a negativa do Ministerio de Fomento de permitir a ligazón coa N-550 na proposta inicial (alternativa 1) por ser un punto demasiado distante da cidade.

 

 

Arquivado en