O goberno local de Pontevedra declárase "perplexo" coas oscilacións que está a sufrir o nivel de auga do río Lérez, que atribúe ao consumo por parte do centro de operacións de Ence en Lourizán. Ante esta situación, decidiu que o Concello dirixirase oficialmente á Xunta de Galicia para que adopte as medidas oportunas e obrigue a Ence a reducir o consumo ou, se persiste a situación de seca, deixar de captar do río Lérez.
O portavoz do goberno local, Raimundo González, recordou este venres que as alarmas saltaron a pasada fin de semana, cando os servizos técnicos detectaron, a través das estatísticas facilitadas pola Xunta de Galicia, que o nivel do Lérez baixara a 1,9 metros cúbicos por segundo. Tras dar a alerta, en cuestión de días, recuperouse o caudal e o martes xa estaba en 4,4, pero a situación non quedou aí, senón que paulatinamente volveu a reducirse.
Así, o mércores 11 xa estaba en 2,4 metros cúbicos por segundo e este xoves baixou aos 1,89, medida que obrigou a volver captar auga do encoro do Pontillón do Castro. Este venres, milagrosamente de novo, volveu a subir o nivel e Pontevedra e a súa comarca poden captar auga de novo directamente do río.
Ante tales subidas e baixadas, González valor que "realmente é un escándalo o uso e o abuso por parte de Ence do caudal do río Lérez", por iso é polo que se decidiu pedir á Xunta que se implique para poñer fina á situación, pois é a administración competente da conca hidrográfica de Galicia-Costa á que pertence o Lérez.
A petición inicial é que Ence reduza o consumo en momentos como o actual de seca e, se a situación persiste, que deixe de captar auga, pois a prioridade debe ser que os cidadáns de Pontevedra, Marín, Bueu, Poio, Sanxenxo e Ponte Caldelas poidan dispoñer de auga, "que é un elemento necesario para a vida das persoas".
"Que se deixe de malgastar auga", pide Raimundo González, que insiste en que "non é normal" que o nivel do río se reduza en dous días máis de 200.000 metros cúbicos, pois trátase dunha cantidade que implica sete veces o que consomen os cidadáns de Pontevedra e a súa contorna.
Cabe lembrar que a principios desta semana, cando o Concello deu a primeira voz de alarma sobre a situación, Ence negou que fora responsabilidade da empresa, asegurando que a captación de auga fora a mesma que noutras ocasións e que a variación da canle non gardaba relación coa súa factoría de Lourizán.