O Concello pedirá á Xunta que reformule o proxecto do aparcadoiro do Hospital Montecelo

Pontevedra
17 de outubro 2023

O vindeiro xoves está prevista unha nova comisión de seguimiento das obras do novo Hospital Montecelo e o concelleiro de Mobilidade, César Mosquera, indicou que se volverán trasladar estas peticións xa expostas en anteriores encontros agora que a consellería accede a modificacións sobre o proxecto orixinal

Novo vial de Montecelo
Novo vial de Montecelo / PontevedraViva

Este xoves 19 celebrarase no Hospital Montecelo unha nova comisión de seguimento das obras vinculadas ao novo centro hospitalario. César Mosquera, concelleiro de Mobilidade, anunciou que o Concello de Pontevedra presentará diversas cuestións agora que detectan un cambio de actitude por parte da Consellería de Infraestruturas para modificar aspectos relacionados coa vía de acceso.

Mosquera quixo lembrar que o proxecto do vial de Montecelo foi elaborado, tramitado e aprobado pola Xunta de Galicia e as determinacións no plan sectorial pertencen á administración autonómica "contrariando a opinión do Concello en temas bastante relevantes".

Por este motivo, o Concello volverá presentar propostas de cambios relacionados co vial que pasa por diante da entrada do Hospital. Explicaba o concelleiro que a Xunta de Galicia quería rebaixar esa estrada cinco metros para "facer unha fochanca", situación que provocarían problemas coas augas pluviais, manifestou César Mosquera.

Lembrou que a consellería se negou á petición do Concello de que o solo rústico ao redor de Montecelo de protección ordinaria pasase a ser de protección de infraestruturas compatibilizandolo co aparcamento coa idea de que se establecese superficie arbórea e permitise unha futura ampliación do edificio hospitalario. 

Os técnicos municipais tamén demandarán un cambio do proxecto de construción do aparcamento de varias plantas. "Vai ser un custo para o Sergas tremendo", expuxo Mosquera sobre a proposta da Xunta e pedirá que se faga un aparcadoiro en superficie aumentando as expropiacións, unha operación que reduciría o custo a unha cuarta parte do que supoñerá a obra prevista. "Ten unha xeometría terrible" argumentou concluíndo cun "será un lastre de futuro".

O concelleiro entende que agora a Xunta está disposta a modificar o plan sectorial ou a incluír algún instrumento complementario para resolver os problemas que se están presentado por persoas afectadas. Neste sentido, manifestou que sempre o criterio da Consellería de Infraestruturas é que a reposición de servizos para as leiras sexa con aquelas que xa tiñan servizo por vía pública.

En caso de ter acceso por servidume privada, a administración autonómica manifestara que deberá resolverse entre os particulares sen ter en conta a posibilidade de ampliar as expropiacións. "Está no DOG, non é disque, disque", apuntou o responsable de Mobilidade municipal e convidou as persoas afectadas a que consulten os documentos oficiais onde se recollen as zonas de expropiación, as alegacións e as respostas por parte da Xunta.

"Se agora cambiou o criterio me alegro porque había unha cerrazón absoluta", apuntou César Mosquera que insistiu en que "a Montecelo dimos todas as facilidades e aceptamos estas condicións que nos parecen terroríficas" e espera un cambio agora en relación co aparcamento subterráneo previsto no desnivel diante da fachada e na rebaixa do vial xa que agora a Consellería manifestou estar disposta a executar cambios en relación aos accesos ás leiras particulares.

Afirmou tamén que estes cambios serían complementos e que o proxecto vai ben de tempo polo que non atrasaría as obras. "Máis lealdade coa Xunta con respecto a Montecelo é imposible. Fixemos todo ou que nos pediron e máis", insistiu.

Desde o Partido Popular manteñen, segundo declaracións efectuadas por Rafa Domínguez no programa La Opinión de Radio Pontevedra, que o proxecto do vial, responsabilidade do Concello estaba "mal elaborado", provocando os problemas de accesos ás leiras e que agora a Xunta de Galicia está disposta a buscar solucións.

Arquivado en