O Concello de Pontevedra leva investido 800.000 euros de xestión municipal nestes casi dous meses de crise da covid. Así o anunciou este martes a portavoz do goberno local, Anabel Gulías no transcurso da comisión de Economía.
O Concello de Pontevedra gastou arredor de 800.000 euros en medidas para o coidado das persoas como persoal en distintos servizos, axudas no eido de benestar social, reforzo dos servizos de limpeza e desinfección cun custe duns 600.000 euros, aos que hai que engadir case 200.000 euros máis na reforma da planta baixa do edificio de Michelena para adaptar o edificio as normas de seguridade sanitaria.
Anabel Gulías xa adiantou que esta conta irá aumentando nos vindeiros días e semanas porque as necesidades aínda existen e están en tramitación varios expedientes.
MODIFICACIÓN DE CRÉDITO
Na comisión tamén se informou dunha modificación de crédito de 16,6 millóns de euros procedentes da incorporación de remanentes do ano 2019. "Unha cantidade importante destinada a seguir traballando nos eidos de contratación para que xeren o maior impacto posible na actividade económica da cidade", valorou a concelleira nacionalista.
Entre as obras que inclúen esta modificación de crédito están obras como Loureiro Crespo, Ponte do Burgo, centro social dos Campos, camión de bombeiros, edificio de Ferreiros, achega municipal para a estación intermodal, vial a Monte Porreiro, iluminación ornamental das pontes, campo de fútbol de Ponte Sampaio, entre outros.
Outro punto tratado na comisión e que non tivo debate entre os grupos municipais, ao igual que os anteriores, foi a liquidación do ano 2019.
MOCIÓNS
Entre as mocións ditaminadas para ser tratadas no pleno están dúas do Partido Popular e unha conxunta dos grupos do BNG e do PSOE na que solicita a elaboración do plan galego de reactivación económica e dispoñibilidade de uso dos recursos municipais, no que insta á Xunta a elaboración dun plan galego de axudas, solicitar a derrogación da Lei Montoro para que os concellos poidan dispoñer da totalidade do superávit e tamén dos remanentes municipais.
Ao respecto das mocións do PP, a primeira solicita a exención de todos os impostos e taxas municipais dende a declaración do estado de alarma e mentres dure a crise actual, foi ditaminada en contra cos votos en contra do BNG e do PSOE que a cualificaron de "demagoxia política". A segunda das mocións do Partido Popular era a creación dunha comisión para a reconstrución.