O Concello investirá máis de 150.000 euros nos xardíns da UNED

Pontevedra
09 de setembro 2021

No marco dunha visita institucional, o tenente de alcalde, Tino Fernández, deu a coñecer algunhas características da intervención ao reitor da universidade, Ricardo Mairal

Recepción ao director da UNED, Ricardo Mairal
Recepción ao director da UNED, Ricardo Mairal / Mónica Patxot

O proxecto de mellora paisaxística, posta en valor e reapertura ao público dos xardíns do centro asociado da Uned en Monte Porreiro suporá un investimento de 151.250 euros por parte da Concellería de Desenvolvemento Sostible, terá un prazo de execución de catro meses e porase en marcha este mesmo ano, polo que o remate das actuacións está previsto para o inicio de 2022. 

Así llo comunicou o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, ao reitor da Universidade Nacional de Educación a Distancia, Ricardo Mairal, no marco dunha visita institucional ao Concello que o socialista aproveitou para amosarlle sobre un bosquexo algunhas das características básicas desta intervención.

A intención de Fernández e do concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, é a de presentar os detalles do anteproxecto aos propios veciños de Monte Porreiro coa finalidade de recoller as súas demandas e poder consensuar as actuacións que se levarán a cabo. 

Entre os detalles que o alcalde en funcións lle avanzou hoxe ao reitor da Uned inclúese a apertura física do espazo, facendo posible o acceso peonil polas rúa Italia e Francia e unindo os xardíns ao barrio e ao parque do Mirador mediante un tratamento de plataforma única na zona na que se atopa a entrada principal ao centro (na encrucillada entre as rúas Francia e Italia).

Ricardo Mairal lembrou que o centro asociado de Pontevedra "cumplirá 50 años dentro de muy poco, habiéndose constituido cómo uno de los centros de referencia a nivel nacional", en boa medida grazas á "exquisita sensibilidad mostrada por el Concello hacia nuestra universidad, materializada en una presencia notable de estudiantes: damos servicio a más de 5.000 estudiantes y a más de 10.000 en cursos de Extensión Universitaria que suponen una respuesta rápida a las competencias que demandan los mercados laborales". 

O reitor da Uned afirmou que, tras esta bagaxe de éxito, o centro asociado buscará agora dar un "salto cualitativo" e impulsar a súa "mirada innovadora", con proxectos de renovación académica e un ambicioso plan de transformación tecnolóxica que se darán a coñecer nos vindeiros meses, "coincidiendo con un evento muy importante para esta institución, como es la celebración de su 50 aniversario en 2022, con muchos actos que tendrán lugar en Pontevedra".

DEPUTACIÓN

O reitor da UNED tamén visitou a Deputación onde o deputado Carlos Font agradeceu a Ricardo Mairal o nomeamento de Pontevedra como cabeceira do campus noroeste e cualificou á UNED como  "el mejor ejemplo de lo que debe ser la colaboración institucional".