O Concello instalará paneis informativos nos monumentos históricos e dará un novo uso ao CITA

Pontevedra
03 de maio 2023

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou este mércores un proxecto de posta en valor do patrimonio monumental da cidade no que levan traballando "practicamente todo o mandato"

O alcalde e o concelleiro de Patrimonio na presentación do proxecto
O alcalde e o concelleiro de Patrimonio na presentación do proxecto

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou este mércores un proxecto de posta en valor do patrimonio monumental da cidade no que levan traballando "practicamente todo o mandato" e que se "complementou" coa compra do convento de Santa Clara.

Consiste na instalación de paneis informativos en 16 monumentos da cidade e a reconfiguración do CITA, o Centro de Interpretación das Torres Arzobispales.

O CITA pasará a chamarse CIVIM (Centro de Interpretación da Vila Medieval) será un lugar de recepción de visitantes e acollerá o relato histórico da cidade medieval coas Torres Arcebispais, a muralla conservada en Arcebispo Malvar, o Campillo de Santa María, a Basílica, casa Torre dos Montenegro, os xacementos da praza de Valentín García Escudeiro e a ponte do Burgo.

O CIVIM contará con novos recursos audiovisuais que recrean virtualmente a vila medieval dos séculos XV e XVI. Partindo deste enclave percorreranse os sitios arqueolóxicos nos que se instalarán paneis explicativos que incorporarán un código QR que remitirá a unha web con moita máis información. Tamén se programarán visitas con guía.

Por outra banda, a sinalización de 16 monumentos da cidade farase cuns paneis nos que se ofrece información histórica e arquitectónica de cada un dos edificios. Serán a Basílica de Santa María, as ruínas de Santo Domingo, a igrexa de San Bartolomé, o Instituto Valle Inclán, o Pazo Provincial da Deputación, o Teatro Principal, a Casa do Concello, a igrexa da Virxe Peregrina, a igrexa de San Francisco, o Pazo de Mugartegui, o convento de Santa Clara, a capela de San Roque, a Praza de Touros, o Palacete das Mendoza, Edificio Sarmiento e o Puente do Burgo.

Trátase dun recurso divulgativo que fai máis atractiva a cidade e coa idea de que "coñecer en profundidade a nosa historia eleva a autoestima e o orgullo de pertenza", sinalou o alcalde.

A primeira parte deste proxecto ocupouse de toda a documentación e correu a cargo dun equipo multidisciplinar no que participaron historiadores, museólogos ou arquitectos, entre outros profesionais, coordinados polo Servizo de Arqueoloxía do Concello. A segunda parte consistirá na instalación dos paneis, algo que se fará antes de que termine o ano.