O Concello de Pontevedra instalará nos vindeiros días catro novos centros de compostaxe comunitaria no barrio da Parda e en Valdecorvos. A Concellaría de xestión dos residuos que dirixe Raimundo González acordou acelerar a instalación destes composteiros dado elevado uso que os veciños e veciñas de Pontevedra están facendo dos xa instalados neste período de confinamento, e que segue as tendencias á alza da reciclaxe de papel e cartón, envases e vidro.
Dos catro novos composteiros comunitarios, dous completarán as unidades agora instaladas en Pintor Laxeiro (A Parda) e na Praza das Regas (Valdecorvos); e se incorporan dous espazos novos no barrio da Parda: a rúa Maruxa Mallo e a rúa Antón Losada Diéguez. Todos eles serán centros de compostaxe de 10 módulos cada un.
A gran produción que se está a xerar nos composteiros comunitarios demostra o grado de compromiso que a veciñanza ten no sistema de tratamento e reutilización dos residuos orgánicos. De feito, durante o mes de confinamento e até o pasado luns, os composteiros comunitarios instalados na zona urbana trataran arredor de 55 toneladas de biorresiduos.
Nestes momentos o Concello de Pontevedra ten instalados na zona urbana composteiros comunitarios nas rúas Eduardo Pondal (2), Ponte Boleira (2), Camiño de Ferro (2), Pintor Laxeiro (1), Rúa dos Soutos (1), Praza das Regas (1) e Rúa de Prado Novo (2). No barrio de Monte Porreiro existe un centro comunitario nas rúas Alemaña, Europa e Italia.
E a estes engádese, agora, os catro máis previstos en Pintor Laxeiro, Praza das Regas, Pintora Maruxa Mallo e Rúa Antón Losada Diéguez.
Segundo valora o Goberno local, os datos confirman a tendencia á alza da concienciación veciñal na importancia da reciclaxe e no tratamento dos residuos, "o que permite ao Concello ir afianzando a nova marca Efecto PO2", que quere estender en todos os eidos do traballo municipal como o do tratamento dos residuos "sendo unha das principais cartas de visita de Pontevedra".