O Concello de Pontevedra inicia a batalla legal contra a prórroga concedida polo Goberno en funcións a Ence. Unha Xunta de Goberno extraordinaria, convocada este martes, resolveu remitir ao Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente un requirimento previo no que o goberno municipal insta á anulación da devandita prórroga, que autoriza á empresa pasteira a continuar coa súa actividade en Lourizán ata 2073.
Trátase en todo caso, segundo explicou o edil Luís Bará, dun trámite previo á interposición dun recurso contencioso administrativo contra a resolución asinada por Medio Ambiente o pasado 20 de xaneiro, mediante a que se permite a Ence seguir ocupando 373.524 metros cadrados nas marismas de Lourizán, en plena ría de Pontevedra.
Nun amplo informe de máis de trinta páxinas e que alega catorce argumentos legais, o Concello de Pontevedra asegura que se cometeron "defectos" no procedemento administrativo, máis aló da caducidade da concesión ditaminada polo Tribunal Supremo e recoñecida parcialmente por Costas nunha orde ministerial, algo que "impediría xa de seu" que se outorgue a prórroga a Ence.
Entre outras cuestións, denuncian non poder acceder á copia do expediente, que Medio Ambiente non solicitou no seu día o preceptivo informe municipal, que este trámite non foi sometido a exposición pública nin foi publicado nos diarios oficiais "a pesar de afectar a unha pluralidade indeterminada de posibles interesados" ou que o Goberno non respondeu en tempo e forma ás alegacións presentadas.
O Concello lembra tamén que a prórroga foi aprobada por un Goberno en funcións "extralimitándose" nas súas competencias, limitadas por lei a despachar asuntos ordinarios, absténdose de adoptar medidas de maior calado salvo casos de urxencia debidamente acreditados ou por razóns de interese xeral que, segundo o goberno municipal, non é o caso de Ence, xa que o seu actual permiso aínda caducaba en 2018.
Esta prórroga, segundo o concello pontevedrés, incumpre tamén o artigo 32 da lei de Costas, que recolle que unicamente se poderá permitir a ocupación de terreos marítimo-terrestres a actividades que, pola súa natureza, non poidan ter outra localización. Este aspecto, sinalou Bará en nome do goberno municipal, tampouco se cumpre porque a empresa "pódese trasladar" e desempeñar a súa actividade noutro lugar.
Neste requirimento previo sinálase, por outra banda, que esta prórroga iría en contra das directivas europeas de libre competencia, ao lembrar que os donos de Ence pagaron pola empresa ao Estado un prezo inferior ao establecido ao ter que abandonar Lourizán en 2018, polo que esta ampliación provocaría un "enriquecemento desproporcionado" á empresa e a "consecuente" redución de ingresos á Facenda pública.
Ademais, sinálase que esta concesión para un complexo fabril "nocivo e contaminante" resulta "lesiva" para a conservación da Ría de Pontevedra e "obstaculiza" o uso público do mar e da súa ribeira "dificultando" a rexeneración e reposición dos terreos ao seu estado natural, "agravando o atentado paisaxístico e medio ambiental" que supón o complexo industrial, porque, destacan, "o complexo é trasladable, o que non podemos trasladar é a ría".
Medio Ambiente terá agora un prazo dun mes para responder a este requirimento. En caso de contestar negativamente ou non facelo por silencio administrativo, o Concello terá dous meses para presentar un recurso contencioso administrativo ante a Audiencia Nacional.