O Concello de Pontevedra traballa no eido da prevención e a preparación do municipio ante a situación seca, pois a seca prolongada mantén o municipio en estado de prealerta e busca ter todo preparado para o caso de que se complique.
O traballo céntrase en estudar a protección dos aboados máis vulnerables, aqueles que deberían ter garantido o abastecemento e a subministración de auga as 24 horas no caso de que a seca obrigue a facer cortes. De momento, hai identificadas 25 instalacións como vulnerables.
Trátase de 25 establecementos públicos e privados, entre centros de saúde, hospitais, centros de maiores e outro tipo de instalacións similares.
Estas 25 instalacións comezarán a recibir as visitas técnicas este luns por parte dos distintos departamentos municipais.
O Concello tamén está a actualizar os datos das reservas de auga de cada instalación, é dicir, se contan ou non cun almacenamento de auga de seu, xunto co número de horas posíbeis de abastecemento con medios propios segundo o consumo medio de cada mes.
Os servizos municipais están analizando a accesibilidade dos depósitos para un posible reabastecemento por camión cisterna e tamén outros elementos por se puideran servir para abastecemento en momentos puntuais, no caso de pasar a unha situación máis problemática. Tamén se contempla a posibilidade de obras de urxencia para dispoñer dunha capacidade de almacenamento de auga maior ou ben aumentar as actuais.
O Concello segue amosando a súa preocupación pola seca que está a padecer o municipio, mais traballa na prevención e na análise de todos os escenarios posíbeis, adiantándose a estes e posibilitando a creación de plans alternativos que protexan a subministración de auga ás instalacións que a precisan aínda no caso de se producir cortes puntuais na rede.