Un total de 9.251,81 quilos de produtos frescos. ÿ a cantidade de alimentos que o Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Benestar Social, entregou nos meses de xullo e agosto ás familias dos nenos que precisaron axuda durante o verán. O investimento nestes paquetes de alimentos foi de 22.001,78 euros.
As entregas realizáronse na segunda e cuarta semana de xullo, e na segunda e terceira semana de agosto. Ademais, informóuselles ás familias que tiñan a posibilidade de recibir libros de lectura infantil, e repartíronse 31 libros, así como lotes de cadernos e bolígrafos para os rapaces.
Este programa púxose en marcha a primeiros de xullo para que todos os menores con dificultades puideran comer nas súas casas, en compañía das súas familias, sen ter que desprazarse a ningures.
Esta situación deuse ante o peche dos comedores escolares durante o verán. As familias recibiron froita, verduras, iogures, carne, peixe, embutido e ovos.