O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, expresou a súa "fonda preocupación" ante a crecente "situación de inseguridade e o clima hostil" que padecen os "atemorizados" veciños e comerciantes da rúa Augusto García Sánchez por mor das "condutas incívicas" que exhiben un grupo de persoas que se amorean nesta zona da cidade e que "consumen alcohol e drogas na vía pública practicamente a calquera hora do día e da noite".
Os concelleiros do PSOE, Yoya Blanco, Paloma Castro e Iván Puentes mantiveron este martes un encontro cun grupo de propietarias afectadas.
Segundo denunciou Puentes "os veciños transmítennos que a situación se foi agravando durante o último ano, e urxe que o Goberno Municipal deixe de escudarse en baleiros legais e adopte, na medida das súas competencias, os mecanismos para garantir o benestar cidadán: fundamentalmente a través da Policía Local, controlando este tipo de condutas que están prohibidas por Lei e mesmo por ordenanza municipal".
O grupo municipal do PSOE decidiu poñer en marcha unha serie de accións e trámites destinados a atallar canto antes unha problemática que se traduce diariamente "en capítulos como ameazas, pelexas e outros desmáns, nun contorno especialmente sensible pola presenza de menores, xa que se trata dunha vía situada a carón do colexio de Campolongo e da parada de autobuses da Praza de Galicia".
Entre as medidas adoptadas para lograr que as administracións competentes "tomen cartas no asunto", o PSOE comprometeuse a trasladar esta situación de inseguridade aos órganos de Goberno, en primeiro lugar á Comisión de Réxime Interior que se celebrará este mércores e na que "preguntaremos polas actuacións policiais e, sobre todo, polas directrices que dese a Concellería de Seguridade Cidadá se lle dan á Policía Local para controlar este tipo de condutas" que "non son exclusivas de Augusto García Sánchez e que vemos noutras zonas da cidade, como por exemplo o contorno da Praza da Ferrería".
Asemade, o grupo Socialista tamén pretende levar a Pleno unha moción "na que se aborde este tema, que consideramos cada día máis grave, xunto con outras necesidades de mellora que teñen tanto Augusto García Sánchez como o conxunto do barrio de Campolongo".