O Concello fai un novo requerimento á APLU para que axilice a demolición do desguace ilegal de Marcón

Pontevedra
15 de febreiro 2024

Sobre esa instalación pesa unha orde de demolición que está pendente de execución desde o ano 2006 e que, a día de hoxe, segue sen executarse  

Desguace ilegal en Marcón
Desguace ilegal en Marcón / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra ven de facer un novo requerimento á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para que axilice a demolición do desguace ilegal da parroquia de Marcón situado nunha leira rústica non urbanizable nas proximidades do colexio público.

Sobre esa instalación pesa unha orde de demolición que está pendente de execución desde o ano 2006 e que, a día de hoxe, segue sen executarse

A Xunta de Goberno Local celebrada este xoves volveu a urxir á Administración autonómica para que actúe tomando "as medidas que sexan necesarias para garantir o cumprimento do ordenado, que é recuperar a legalidade urbanística e, polo tanto, retirar todos os vehículos", segundo manifestou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

O rexedor da capital afirmou que ten constancia de que se retiraron algúns coches pero é "cunha lentitude exasperante" polo que "cremos que non están cumplindo realmente as ordes dadas" e por iso o Concello pídelle "unha axilización" á APLU, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Xa son varias as ocasións nas que o Concello pide á Xunta que actúe sen obter resposta positiva.