A piques de ser publicado para consulta pública por toda a veciñanza na páxina web do Concello de Pontevedra, o Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel (PMUS) continúa a ser achegado a diferentes grupos asociativos e técnicos da cidade.
Este martes, á última hora da tarde, o edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, mantivo unha xuntanza coas Asociacións de Nais e pais (ANPA) de Pontevedra, no local da Federación de ANPA de centros públicos de la provincia de Pontevedra, na rúa Xan Guillermo.
O obxectivo non era outro que presentarlles o documento co que Pontevedra marca os seus retos para os vindeiros dez anos no eido da mobilidade e os desprazamentos activos pola cidade. Os representantes das diferentes ANPAs puideron coñecer de primeira man as liñas xerais do PMUS e afondar nos obxectivos marcados en relación cos centros educativos e o alumnado, como é a idea de que todo rapaz cativo da cidade, que viva a menos de un quilómetro do seu centro escolar, poida acudir a pé de xeito de seguro até este.
Foi unha reunión de carácter expositivo na que foron despexadas diversas dúbidas na rolda de preguntas, namentres se afirmaba que vían con bos ollos a idea de aumentar a seguranza viaria na procura dunha maior protección das crianzas. Sexa como for, as ANPAs procederán agora a presentar as súas alegacións e observacións na procura de xerar un documento que reflicta as súas achegas, xerando un proceso participativo directo e feito entre todos.
Nese sentido, este mércores, 22 de xuño, no local social do Burgo, ás 20 horas, será a primeira das xornadas de participación para coñecer a recoller a opinión da veciñanza sobre o PMUS —previa explicación divulgativa antes da man de Taller Abierto—.
Doutra banda, está programada para este mesmo día a inauguración ás 12.00 horas na Praza da Peregrina da exposición itinerante do PMUS, unha mostra que buscará achegar dun xeito práctico e útil a información contida no documento de máis de 500 páxinas.