O Concello estende a desinfección ás zonas periurbanas

Pontevedra
09 de maio 2020

A concellaría de xestión dos residuos que dirixe Raimundo González iniciou esta semana traballos de roza, limpeza ou baldeos en espazos como A Parda, O Marco, Mollavao, Burgo, Monte Porreiro, Santa Margarida ou a avenida de Lugo

Limpeza de contedores de lixo en Pontevedra
Limpeza de contedores de lixo en Pontevedra / Concello de Pontevedra

Ante a saída á rúa de máis persoas coincidindo co inicio da desescalada, a concellaría de residuos do Concello de Pontevedra, que xestiona Raimundo González, ampliou esta semana os zafarranchos de limpeza, roza e desinfección aos ámbitos periurbanos da cidade.

Monte Porreiro, Mollavao, O Marco, as zonas altas da Parda, o Burgo, Santa Margarida ou a avenida de Lugo están sendo obxecto dunha especial atención por parte do servizo e da empresa concesionaria de limpeza, Ferrovial Servizos, tratando todos os espazos con produtos desinfectantes de tal modo que as persoas que se acheguen á rúa o poidan facer en perfectas condicións de seguridade.

Os traballos consisten na limpeza dos espazos públicos con produtos desinfectantes, chorreos a presión con auga tratada ou a roza de maleza que adoita crecer nestes ámbitos xa que se tratan das extremas da cidade que en moitas ocasións non teñen un perfecto desenvolvemento urbano.

Os zafarranchos desenvólvense por zonas e iranse estendendo aos distintos espazos periurbanos fixados ao longo dos días.

Estes labores súmanse ao protocolo de limpeza e desinfección habilitado para manter en perfecto estado de uso os espazos de especial concentración de persoas como centros médicos e hospitalarios, farmacias ou establecementos de alimentación, aos que se suman as illas de reciclaxe e os composteiros comunitarios.

A concellaría que xestiona Raimundo González traballou dende a entrada en vigor do decreto do estado de alarma cun protocolo específico de actuación para garantir a limpeza da cidade, a seguridade dos espazos públicos e a tranquilidade dos veciños e veciñas.

Así, reprogramou toda a actividade diaria do servizo para adaptalo ás necesidades principais derivadas da pandemia e ampliou a contratación de novos servizos que están en marcha dende o pasado 14 de marzo tanto para o ámbito urbano como para o rural.